viernes, 17 de septiembre de 2010

As feiras (5)


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"A ida á feira preparábase minuciosamente: facíase un repaso do que había que mercar establecendo prioridades, dos cartos dos que se dispoñía do que se podía levar a vender...
"Tanto as compras coma as ventas estaban divididas por sexos. Para mercar zocos, zocas ou outro calzado levaban unhas variñas que servían de medida (Aínda hoxe algún calzado trae a variña dentro). O calzado de traballo tanto o podían mercar os homes coma as mulleres, pero se se trataba de zapatillas (alpargatas) ou sandalias mercábanas as mulleres, porque, dicían, elas tiñan máis gosto para escoller. As ferramentas mercábanas os homes; as mulleres podían comprar un fouciño ou unha ligoña, pero as fouces, forquitas, legóns, etc. eran cousa dos homes.
"As sementes, que se adquirían en cantidades importantes (trigo, millo, centeo, patacas, fabas...) mercábanas os homes, e as nabiñas, que se adquirían en pequenas cantidades (nabos, repolo...), eran cousa das mulleres...
Segundo o que houbera que mercar ou vender ía á feira o home ou a muller da casa ou ámbolos dous, pero, ó chegaren á feira, cada un facía aquilo que lle correspondera. Podían ir xuntos para a casa ou non. Tamén había costume, sobre todo se se fixera unha boa feira, de ir come-lo polbo ou, polo menos, uns churros.
"Para a casa tamén levaban algunha lambetada, principalmente se había nenos ou vellos, as rosquillas e os froitos secos eran o máis habitual...

No hay comentarios:

Publicar un comentario