"Se algún membro da familia exercía algún oficio na propia casa (zoqueiro, por exemplo) adaptábase ós horarios dos demais e se acodía ás casas onde o chamaban, traballaba a mantido e non voltaba á casa ata a hora de cear.
"Pero cando comezaron algúns homes mozos a traballar en fábricas ou en pequenas industrias facíano "a seco", é dicir que tiñan que comer pola súa conta, ben levando eles mesmos a comida, ben que lla levara unha persoa da familia ó mesmo lugar de traballo, se este quedaba lonxe do domicilio. poucos eran os que xantaban nas tabernas porque lles saía moi caro.
"Os que ían comer á casa impoñían un novo ritmo á familia porque os seus horarios non coincidían cos dos labradores, que sempre traballaban "pola fresca", guíandose pola luz solar e non polo reloxo.
"Por outra banda, os labregos soían comer de vagar, xa que eran os donos do seu propio tempo, mentres que os que traballaban por conta allea debían xantar depresa porque tiñan que cumprir cos horarios marcados polos patróns.
"Así que a muller da casa debía facer dúas quendas de comida; esta circunstancia era, en ocasións, causa de discusións domésticas, porque ós que traballaban fóra dábanlle os millores bocados (chourizos, xamón ou touciño curados, ovos e patacas fritidos, sardiñas en conserva...).
"Este e outros privilexios, coma o esmero no lavado, pranchado e repasado da roupa, por exemplo, provocaban ciumes non homes da casa adicados exclusivamente ós labores do campo, principalmente entre irmáns ou cuñados e entre xenro e sogro. Tamén provocaba conflictos entre as súas respectivas mulleres.
"Deste xeito foise creando o caldo de cultivo para que, desde finais dos anos 50 se iniciara un proceso de fragmentación familiar ata que a familia nuclear rematou por impoñerse á familia extensa xa a comezos dos 70.
No hay comentarios:
Publicar un comentario