Mostrando entradas con la etiqueta feiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta feiras. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de diciembre de 2010

As feiras (8)

Na Bandeira o 14 de setembro celebrábase a "feira das señoritas", á que acodían tódalas mestras dos arredores para mercar o que precisaban, coñecer algún mozo se eran solteiras e saudarse unhas ás outras, xa que logo pasarían varios meses sen verse, debido a que tiñan que percorrer o camiño entre a vila e o lugar no que estaba a escola a cabalo, en burro ou, inclusive, en barca.
Non soían voltar ás súas casas ata as vacacións de Nadal.
(Informante: N.M.F., que pasou parte a súa infancia nesta vila)

En Noia tiña sona a feira de San Marcos (25 de abril), xa que incluía un festival taurino, ó acodía non só xente da comarca, senón de Santiago, da Estrada, Ordes, Silleda...

sábado, 4 de diciembre de 2010

"Estar coma o porco no cortello"

Dise cando unha persoa ten a súa liberdade limitada, por mor dunha enfermidade que lle obriga a gardar reposo ou porque agarda por alguén que non chega, e iso incomódalle; tamén se emprega metaforicamente cando unha persoa se ve impedida polas circunstancias de facer ou dicir o que lle gostaría facer ou dicir; estar impaciente; sentirse suxeito;
Similar a "non collerlle o pan no corpo".
O dito ten que ver coas dimensións reducidas dos cortellos dos porcos, que moitas veces eran uns simples cercados feitos con táboas e só coa altura precisa para que os animais non poideran saír. Estaban situados nun recuncho da corte, que ocupaba boa parte da pranta baixa da casa.
Os cercados tiñan unha porta cun tarabelo.
As porcas parideiras separábanas dos outros porcos e, mesmamente, os porcos uns dos outros para que non pelexaran. Tamén separaban as femias dos machos da mesma rolada, mentres non estiveran capados.
Rolada: tódolos porcos que unha porca ten nun parto; tódolos pitos que unha galiña chocou ó mesmo tempo.
Os porcos foron os últimos animais en "abandoar" as casas; antes fixérono as galiñas, os coellos, as cabras e as ovellas, así como as vacas.
Marica, se vas á feira,
mércame un porco rabelo,
que se mo mercas con robo
non me colle no cortello,
di a copla popular.

domingo, 14 de noviembre de 2010

As feiras (7)


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Nas feiras era frecuente que as mesmas persoas primeiro venderan e logo mercaran, principalmente as mulleres que, sempre que podían, levaban polos, galiñas, ovos, repolo, coliflor, froitas (peras, mazás, figos, noces..., segunda a tempada), mel ou manteiga, herbas aromáticas ou mediciñais; e se non dispoñían de nada diso, algunha botella de caña.
"O obxectivo era dispor duns cartos, a máis dos que levara da casa, dos que non tivera que dar contas ó home ou á sogra, para poder mercar algo para ela ou para os seus fillos sen que lle botaran na cara o moito que gastara.

sábado, 30 de octubre de 2010

As feiras (6)

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Nos anos 40 e 50 en Santiago de Compostela
era costume que as mozas, á saída da misa dos domingos ou os días de festa, pasearan pola rúa do Vilar se chovía ou pola Alameda se facía bo tempo, en pequenos grupos, mentres que os mozos fumaban un pitillo ou parrafeaban entre eles debaixo dos soportais ou á sombra das plataneiras; mías dunha muller me ten comentado que "se sentia coma unha cabalgadura que pasearan pola feira en busca de comprador".
"¡Agora son outros tempos, pero algunha vez tamén me sentín así!

jueves, 21 de octubre de 2010

As feiras de Santos

Teñen lugar nos últimos días do mes de outubro ou primeiros de novembro, sempre en torno á festa de Tódolos Santos. Xunto coas feiras do Nadal son as máis importantes do ano.
Nesas datas están rematadas as colleitas e as familias teñen feito o cálculo dos excedentes, parte dos productos recollidos que non van precisar eque poden vender para adquirir outros dos que teñen necesidade. como van sacrificar os porcos aproveitan para mercar os que cebarán para o ano seguinte. E, finalmente, como se achega o inverno, é posible que non se celebren algunhas feiras ou non se poida acodir a elas por mor das inclemencias do tempo.
Estas feiras tamén se aproveitaban para mercar calzado (zocos, zocas, botas...) e roupa de abrigo para o inverno.
O mesmo acontece coas feiras de San Martiño (en torno ó día 11 de novembro). Ás veces a celebración dunha ou doutra só ten a finalidade de que non coincidan nas mesmas ou próximas datas feiras en localidades moi próximas.

Curiosidade:
As eleccións presidenciais nos EE.UU., así coma outras votacións e refrendos celébranse cada catro anos o primeiro martes despois do primeiro luns do mes de novembro, é dicir entre o 2 e o 8, inclusive, así nunca poden coincidir coa celebración de Todolos Santos.

domingo, 17 de octubre de 2010

As feiras portuguesas

Cando as feiras galegas entraron en declive, a finais dos 70, púxose de moda acodir ás feiras que se celebraban do outro lado da raia, principalmente en Valença do Miño, onde se celebraban dúas feiras semanais, os mércores e os domingos.
As familias que dispoñían de utilitario ían no seu propio vehículo, sobre todo desde Pontevedra e Vigo; en moitas localidades galegas as empresas de transporte de viaxeiros organizaban, o mesmo qe algunha asociacións, excursións a prezos módicos.
En Portugal os galegos mercaban predas de algodón ou de fío (pantalóns texanos, sudadeiras, camisetas, toalla, roupa de cama e para vestir a mesa...); algunhas boas imitacións das primeiras marcas do mercado.
Tamén mercaban café, viño, tanto do Porto, coma de Madeira ou verde; carne de cordeiro, cerámica, cigarrillos "More", utensilios de cociña, xoguetes de madeira de fabricación artesanal..., todo ilo a un prezo ventaxoso para os compradores españoles por mor do cambio escudo-peseta.
Os que acodían á feira xantaban bacallao e arroz caldoso con mariscos; na sobremesa non podían faltar os doces, xa que os portugueses son mestres na reposteiría.

lunes, 11 de octubre de 2010

Os mercados medievais


Unha variante actual das feiras son os chamados "mercados medievais", que se celebran en diferentes localidades da xeografía galega, nuns casos como algo espcífico e noutros como complemento das feiras anuais tradicionais ou coincidindo coas festas patronais.
Un dos atractativos destes mercados, segundo os nosos informantes, é o feito de que os postos de venta aparecen decorados e os vendedores ataviados ó estilo da época, creando un ambiente curioso que racha coa habitual rutina.
Outros destacan como interesante a observación de útiles e ferramentas necesarios para elaborar algúns dos productos que se ofertan, así como o traballo dos artesanos cara ó público, nos postos de cestería, fabricación de xoguetes, encuadernación, talabartería, tecido e outros labores do liño, instrumentos musicais, oleiros, canteiros, etc.
Persoalmente resúltanme interesantes as demostracións de cetrería, arte desaparecido no noso país hai moito tempo; as coleccións de pedras semipreciosas e as alfaias feitas con elas, que soen acompañarse de pequenas explicacións sobre cada unha das pedras, as súas características e as propiedades que lles eran atribuídas na época medieval; tamén os instrumentos de medida empregados nalgúns postos.
Abondan nestes mercados e gozan de gran aceptación por parte do público distintas variedades de pan (con noces, piñóns...), galletas e doces, algúns con froitos silvestres, que actualmente só poderíamos atopar a diario nalgúns países do centro e do norte de Europa, xa que por seren exclusivos das culturas sefardís e árabe, perdéronse a partires do século XVI para nós.
Todos estes productos conviven con outros que nos resultan totalmente cotiáns, como os churros, o polbo ou o churrasco.
REspecto á venta destes productos nos mercados medievais os informantes manteñen diferentes opinións; en xeral consideran que o seu prezo é excesivo en comparación co dos mesmos productos vendidos ou servidos nos establecementos tradicionais; non lle ofrecen garantías hixiénicas suficientes, sobre todo no tocantes ó lavado da vaixela; finalmente, hai quen os considera unha competencia desleal para os establecementos da zoa.

viernes, 24 de septiembre de 2010

Feiras versus mercados

As feiras caracterízanse pola súa celeración discontinua, unha ou duas veces ó mes en días previamente sinalados; só nas vilas de certa importancia, coma Santiago de Compostela, por exemplo, teñen carácter semanal. Pola contra os mercados celébranse a diario, agás os domingos e festivos nalgunhas localidades.
En alicia as feiras van sempre asociadas á presencia do gando maior, bobino e/ou equino, porcino e, en menos roporción, ovino ou caprino, mentres que nos mercados só se vendían aves e coellos. Actualmente nos mercados está prohibida a venda e animais vivos por cuestións sanitarias.
Os vendedores dos mercados teñen unha meirande estabilidade, xa que non só comercian cos productos que eles mesmos cultivan ou crían; mentres que os das feiras están suxeitos ás tempadas e ás colleitas.
O concepto de "mercadillo" xurde nos anos 70, cando as autoridades deciden regular a venta de productos non alimentarios (tecidos, roupa e calzado, principalmente) por parte de vendedores ambulantes de etnia romaní, tamén coma unha fórmula de integración deste grupo de poboación.
Nos mercadillos galegos, entendidos en sentido estricto, non se permite a venta de productos alimenticios, agás cicais, churros para consumir in situ.
"O Corte Inglés" é nome popular que recibe algúns dos nosos mercadillos.

viernes, 17 de septiembre de 2010

As feiras (5)


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"A ida á feira preparábase minuciosamente: facíase un repaso do que había que mercar establecendo prioridades, dos cartos dos que se dispoñía do que se podía levar a vender...
"Tanto as compras coma as ventas estaban divididas por sexos. Para mercar zocos, zocas ou outro calzado levaban unhas variñas que servían de medida (Aínda hoxe algún calzado trae a variña dentro). O calzado de traballo tanto o podían mercar os homes coma as mulleres, pero se se trataba de zapatillas (alpargatas) ou sandalias mercábanas as mulleres, porque, dicían, elas tiñan máis gosto para escoller. As ferramentas mercábanas os homes; as mulleres podían comprar un fouciño ou unha ligoña, pero as fouces, forquitas, legóns, etc. eran cousa dos homes.
"As sementes, que se adquirían en cantidades importantes (trigo, millo, centeo, patacas, fabas...) mercábanas os homes, e as nabiñas, que se adquirían en pequenas cantidades (nabos, repolo...), eran cousa das mulleres...
Segundo o que houbera que mercar ou vender ía á feira o home ou a muller da casa ou ámbolos dous, pero, ó chegaren á feira, cada un facía aquilo que lle correspondera. Podían ir xuntos para a casa ou non. Tamén había costume, sobre todo se se fixera unha boa feira, de ir come-lo polbo ou, polo menos, uns churros.
"Para a casa tamén levaban algunha lambetada, principalmente se había nenos ou vellos, as rosquillas e os froitos secos eran o máis habitual...

miércoles, 15 de septiembre de 2010

As feiras (4)


Unha muller nova non ía á feira soia.
Se era casada ou viúva podía acompañar á nai ou á sogra para ir preparándose para o día no que recibira "o cesto da feira" (daquela sería ela a responsable da administración familiar) e para axudarlle a levar o que mercaran.
Se non tiña nai nen sogra, tanto que fora casada, solteira ou viúva, debía ir acompañada dunha cuñada, tía, sobriña ou levar con ela un neno ou nena, aínda que foran pequenos e supoñeran máis un estorbo que unha axuda.
As solteiras con fillos soían levalos con elas por moitos motivos:
- a sociedade rural valoraba positivamente á nai solteira que non se avergonzaba da súa condición e que se mostraba públicamente en compañía do seu fillo ou filla;
- a nai solteira tamén estaba interesada en mostrarse en público como tal, ás veces para forzar un casamento co pai do seu fillo ou filla, que se sentiría presionado socialmente para cumprir con ela;
- nalgúns casos era unha sorte de castigo que os pais lle impoñían para que non se esquencera da súa responsabilidade de ser nai;
- as que convivían con cuñadas que tiñan os seus propios fillos tiñan medo de que na súa ausencia lles maltrataran ó neno;
- finalmente, había algunhas que non tiñan familia con quen deixa-lo neno e non querían pedirlle o favor ás viciñas;
O máis habitual era que as mulleres novas, calquera que fora a súa condición (solteiras con ou sen fillos, casadas ou viúvas) se puxeran dacordo con outras viciñas para ir e voltar xuntas e non dar motivo para marmuracións.

jueves, 9 de septiembre de 2010

As feiras (3)


Ademais da importancia económica,as feiras eran un acontecemento social, un lugar de encontro entre persoas de distintas parroquias e de distintos concellos.
A elas acodían tamén personaxes curiosos, coma os retratistas, así as familias aproveitaban para facerse retratos para os Libros de Familia e tamén para enviarllas ós parentes na emigración; as mozas paa mandarllas ós mozos que estaban no Servizo Militar...
Outra figura que hoxe considerariamos pintoresca era a do périto, que en Galicia non hai que confundir co perito; era unha persoa (home) sen titulación, pero que tiña certos coñecementos de Dereito Civil e Mercantil e redactaba documentos de índole privada, de compra-venta, testamentos, donacións, préstamos, avales..., cobrando por este labor. Soía darse unha volta poa feira para deixarse ver e logo parar na taberna máis próxima por se algún paisano reclamaba os seus servizos.
Tamén había quen se adicaba a escribir cartas, a cambio dunhas moedas, a persoas que, por razóns de confidencialidade non requerían acodir a un familiar ou a un viciño. A súa clientela era preferentemente feminina, porque o analfabetismo afectaba máis ás mulleres que ós homes. A eles mandábanos máis á escola que a elas, outros pagábanse clases particulares ó saír de traballar porque non querían chegar ó Servicio militar sn saber ler nen escribir ou, xa máis tarde, para poder obter o Permiso de Conducir, os demais aprendían no Cuartel.

Os videntes:
Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Lo sabe todo, lo sabe todo", así anunciaban nas feiras e romerías a presencia dos "videntes". Soían ser unha parella, home e muller, pai e filla, irmáns...; ela dacía de vidente cos ollos vendados, mentres que el, controlandosempre a situación, xagaba o papel de intermediario entre a vidente e o cliente (millo deberiamos dicir "víctima), empregando unha serie de palabras clave que eran as que lle axudaban a "adiviñar" detalles da vida persoal ou familiar. Todo iso a cambio dunhas poucas moedas...

lunes, 6 de septiembre de 2010

As feiras (2)


Tratante de vacas alleas:
Persoa que ía ás feiras mercar gando para revendelo inmediatamente con destino á recría, ós matadeiros ou á exportación fóra de Galicia para abastecer as grandes cidades (Madrid, Barcelona...).
Coma tódolos intermediarios, a súa consideración social era escasa, porque os gandeiros entendían que, sendo eles os que arriscaban o seu capital e poñían o seu traballo, debían ser tamén os que se quedaran cos beneficios; non comprendían que a capacidade de comercializar un producto é tan importante coma a capacidade de elaboralo ou procuralo.

Feireantes: Non só se lles di
cía así ós tratantes, senón tamén ás persoas ou amilias que tiñan por oficio o ir de feira en feira
mercando e vendendo os productos que demandaba a xente de cada lugar; moitos deles non eran galegos, había maragatos, ziganos e portugueses. Vendían panos finos de Béjar, calzado, sombreiros, reloxos, utensilios para o fogar, xaropes...

viernes, 3 de septiembre de 2010

Hábitos de compra (5): as feiras

Algunhas das feiras das que nos deron conta os nosos informantes:

  • A Cañiza: os días 6 e 20 de cada mes; en caso de que sexan festivos, celébrase o día anterior;
  • A Golada: feira do Doce, celébrase o día 12 de cada mes; en outubro celébrase a feira anual, actualmente cun Mercado Medieval; antiguamente ían da Bandeira á Golada andando; tamén ía os comerciantes de Melide vaender os seus productos;
  • Abadín: primeiro e terceiro sábado de cada mes;
  • Allariz: días 1 e 15 de cada mes; se cae en domingo, pasa ó luns, agás o 15 de agosto;
  • Arzúa: celebrábase o días 8 e 22 de cada mes; había queixos, polbo, rosquillas e gando; esta parte da feira estaba separada do resto;
  • As Pontes: días 1 e 15 de cada mes;
  • As San Lucas de Mondoñedo: feira de A Ano; 18 de outubro; feira de cabalos;
  • Baiona: a máis importante era o 26 de Setembro, coincidindo coa festividade dos santos Cosme e Damián; vendían mel, noces, mazás da Xunqueira, sandías...; nesta feira mercábase o porco pequeno que sustituiría ó que se mataría polo San Martiño;
  • Bandeira: os días 14 e 29 de cada mes; vendían noces, mel, mazás...; a máis popular coincidía coa celebración dos Desamparados;
  • Bembibre (concello de Val do Dubra): o primeiro luns e o terceiro martes de cada mes;
  • Bertamiráns (concello de Ames): todolos sábados pola tarde;
  • Betanzos: os días 1 e 16 de cada mes;
  • Castroverde: primeiro e terceiro sábado de cada mes;
  • Castro Caldelas: os días 3 e 18 de cada mes, a víspera se cae en domingo;
  • Francos, Calo (concello de Teo): o día de San Martiño; feira de cabalos; era costume ir toma-lo polbo;
  • Lalín: os días 3 e 18; se son festivos, celébranse o día anterior;
  • Laracha: primeiro e terceiro domingo de cada mes;
  • Lestedo (concello de Boqueixón): os días 13 e 26 de cada mes; de feito a Lestedo coñéceselle popularmente coma O Vinteseis;
  • Maceda: os días 4 e 20 de cada mes, se é domingo, celébrase a víspera;
  • Monterroso: feira de A Ano; por Tódolos Santos; allos, cebolas, pan, chourizos...
  • Murás: 26 de setembro, feira de A Ano; cabalos;
  • Nadela, San Xoán da Pena, Lugo: feira de A Ano; celébrase polo Entroido;
  • Negreira: feira de Santos;
  • O Carballiño: días 16 e último de cada mes; a víspera se cae en domingo;
  • O Foxo (concello da Estrada);
  • Padrón: tódolos domingos; a máis importante era a da Páscoa, tamén coa presencia de cabalos;
  • Parga, Guitiriz: o domingo entre o 9 e o 15 e mailo último dominos de mes; feira de cabalos;
  • Pontevedra: a máis importante celebrábase o primeiro de marzo; ferramentas de labranza; cabazos que mercaban os mozos para meterse coas mozas;
  • Ribadavia: os días 10 e 25; se son festivos, pasan ó día seguinte;
  • Santiago: tódolos Xoves; as máis importantes eran as da Ascensión e o Apóstolo; nestas había cabalos; tamén polo San Marcos con moita venta de animais e apeiros;
  • Verín: os días 3, 11 e 23; se son festivos, pasan ó día seguinte;
  • Vila de Cruces: os días 4 e 11 de cada mes;
  • Vilalba: feira do capón; 21 de decembro;
  • Viana do Bolo: os días 13 e 28; se son festivos pasan ó 14 e ó 27;
  • Xinzo de Limia: os días 14 e 27; se é festivo, pasa ó día anterior;

Nas feiras máis importantes había:
Cegos: que vendían colplas e cantaban historias de crimes;
Augadores: que vendían auga con zucre;
Churreiros;
Polbeiros;

As feiras tradicionais foron decaendo, aínda que algunhas delas estanse recuperando; xurdiron feiras novas en torno a productos concretos, algunhas xa con moito arraigo popular coma a Feira do Queixo, en Arzúa.
Actualmente estanse extendendo cada vez máis os Mercados Medievais.

viernes, 16 de abril de 2010

A venta itinerante de alimentos elaborados

Unha gran cantidade e variedade de productos alimenticios elaborados vendíanse nas rúas, prazas, feiras e romerías. Uns preparábanse das casas dos propios vendedores, coma as rosquillas, por exemplo; outros en establecementos especializados, coma o pan e outros nos mesmos lugares nos que se ofrecían ó publico, como as castañas asadas.

Grazas ás aportacións dos nosos informantes conseguimos unha longa lista de productos que se vendían deste xeito:

  • Peros colondros cocidos que se levaban nunha pota e se ofrecían nunha folla da viña;


  • Mexilóns e zamburiñas cocidos que se presentaban en cestas e vendíanse por centos e medios centos na praza de San Fiz, en Santiago de Compostela;

  • Churros: Daniel el Churrero, os días soltos ofrecíaos ás portas dos colexios, tamén en Santiago;

  • Rosquillas: as rosquillas con abor a anís non podían faltarnas romerías e outras festas; mercábanse en cantidade, non só para consumir inmediatamente, senón tamén para levar para a casa ensartadas en variñas e compartir cos viciños; as rosquilleiras que, coas súas cestas na cabeza percorrían grandes distancias, sempre se poñían ó lado dos santuarios; en Santiago de Compostela aínda son típicas nas festas de San Blas na parroquia de Santa María de Sar (3 de febreiro) e de Santa Rita na igrexa de San Agostiño (22 de marzo);

  • Sardiñas salgadas que transporaban en cestas de bimbio;

  • Castañas cocidas que levaban nunha ola de barro tapada cun pano para que non enfriaran, ensartadas en forma de rosario, vendíanse nun cartucho feito con papel de xornal á porta do Teatro Principal (convertido en cine) en Santiago de Compostela;

  • Castañas asadas: asábanse e vendíanse nas rúas e prazas máis concurridas das vilas; aínda hoxe perdura ese costume;

  • Castañas maias ou pilongas (secas);

  • Barquillos: propios das festas de vilas e cidades, houbo un tempo no que se ofrecían á saída dos colexios; a estampa do barquilleiro, inesquencibles coa súa ruleta, está asociada á infancia e á adolescencia de moitas das testemuñas;

  • Empanadiñas, procedentes de Padrón;

  • Manteiga de vaca, que levaban en cestos e vendían unha penla envolta nunha berza;

  • Mel da Alcarria que chegaba ata eiquí grazas ós maragatos;

  • Polbo;
  • Garrapiñadas;
  • Nubens de algodón que se facían á vista do público;
  • Palomitas, feitas ó momento;
  • Coco en anaquiños, que, ainda que non era un alimento elaborado, estaba manipulado (partido e limpo);



  • Xelados; só no verán, porque ntes no inverno non se consumían;



  • Barras grandes de caramelo en forma de bastóns;



  • Bolos de leite;



Os vendedores anunciaban as súas mercadorías de viva voce e ata cantando nas estacións do tren e nas paradas dos coches de liña; mesmo subían ós medios de transporte mentres se acomodaban os pasaxeiros:

Galleta fina, boa, barata,
por dúas pesetas e un patacón.

Tamén estaban nos cines e nos teatros, entraban nos establecementos hosteleiros, en tódolos sitios nos que houbera movemento de xente. levaban os productos nunha caixa de madeira cunha tira de coiropara colgar ó colo e manteren as mans libres.

Almendras, garrapiñadas...







El pirulí de La Habana

que se come sin gana.

O Pirulí de La Habana tiña forma de paraguas e duraba un bo anaco. Máis tarde foron sustituídos polos chupachús, as piruletas e os chicles.


Todos estes productos tiñan unha considerable demanda.