martes, 31 de agosto de 2010

Da miña bitácora



Cantiga infantil

Arroz con leite, eu quero casar
cunha mociña deste lugar;
que saiba coser, que saiba pranchar
e que saiba a táboa de multiplicar.

Aprendíase na escola e xa invitaba a compatibilizar a aprendizaxe das tarefas tradicionalmente femininas (coser, pranchar) coa atención ó rendemento académico, aínda que segue sinalando o casamento (sutil fórmula de sumisión das mulleres ata que o seu status dentro do vínculo matrimonial foi equiparado ó do home, legalmente, porque social e culturalmente aínda queda moito camiño por andar) como estímulo para o esforzo.
Aprendeuma a nena I.V., que agora xa é toda unha muller.

O pan (4)

Superstición:
O Día de Tódolos Santos, víspera do Día de Defuntos no que en Galicia se celebra o Samahín, despois de cear recollíase a mesa, pero non se quitaba o mantel, nen se retiraban as pequenas migas de pan que quedaban enriba del na creenza de que as ánimas dos familiares mortos poderían visitar a súa antiga morada esa noite.
Para non facerlles estorbo, esa noite a familia deitábase cedo e en silenzo. Tampouco se apagaba o lume de todo, senón que se deixaba un pequeno rescoldo e, ás veces, unha "mariposa", vaso con aceite cunha pequena mecha acesa.

¡Curiosa forma de entender a relación entre os mortos e os vivos, propia da nosa terra!

Aproveita-lo aceite


Como o aceite era un producto caro só o empregaban cando era imprescindíbel, nos outros casos fritían con graxa de porco.
Tamén o reutilizaban, para iso as amas de casa dispoñían de dous recipientes de cristal, un para o aceite do pescado e outro para o resto.

Recomendacións:
Reutilizar o aceite non é aconsellable nen desde o ponto de vista gastronómico, porque vai collendo un sabor rancio, nen desde o sanitario, porque é máis difícil de dixerir; pero para aforrar aceite o millor é non abusar das frituras; os productos preparados ó ferro apuro requiren aceite e son máis saudables.

Para desbota-lo aceite, empapa un papel de xornal cos restos e guíndao no contenedor de "resíduos orgánicos".

Os Diarios de Mariana Canabal

"Ós nenos inculcábannos desde pequenos os costumes, os coñecementos e tamén os tabús e as supersticións que os nosos pais e os nosos avós erdaran tamén dos seus; empregaban un cmplexo sistema pedagóxico do que formaban parte os xogos, a tradición oral (adiviñas, cantigas, trabalin guas, refráns, ditos...), os consellos, as normas de convivencia, o exemplo de vida e tamén os temores e as prohibicións de carácter supersticioso.
"Entre estas prohibicións lembro a de pasar por debaixo da mesa de comer cando había alimentos enriba dela, principalmente pan.
Dicían que os nenos que facía iso collían o asombramento e, polo tono que empregaban xa te decatabas de que se trataba dunha enfermidade grave, pero cando querías saber algo máis mandábanche que sentaras calado na túa cadeira ou que foras xogar cos outros rapaces. Esta actitude dáballe máis misterio ó asunto e a curiosidade dos nenos non ten límite.
"Na certeza de que preguntar non servía de nada, había que estar alerta cando os maiores pronunciaran esa palabra por ver se algún coñecido padecía ese estrano mal e observalo coa meticulosidade do investigador. O feito de decoñecer palabras como "ciencia" ou "método", non era impedimento para aplicar o método científico con todo o rigor do que eramos capaces para chegar ás conclusións que mataran a nosa curiosodade.
"Foi así como descobrimos que o asombramento só afectaba ós cativos ou ós adolescentes, tanto nenos coma nenas, pero máis a eles que a elas. Os síntomas más comúns eran: palidez extrema, falta de apetito y, polo tanto, perda de peso, fatiga crónica e falta de vitalidade, tendencia á ensoñación e á malenconía, autoaillamento e falta de interés polo entorno...
"Anos máis tarde lendo a Hermann Hesse recoñecín estes síntomas nalgúns dos personaxes das súas novelas con final tráxico...
"Probablemente estes trastornos eran debidos á mala alimentación, a unha tendencia depresiva ou ás primeiras fases de desenrolo da tuberculose, tan frecuente nos anos 40 e 50.
"Tamén se podía coller o asombramento por durmir cunha persoa maior poucos días antes de que esta morrera...
"Para quita-lo asombramento practicaban unha serie de rituais, metade máxicos e metade hixiénicos dos que haberá ocasión de falar...

lunes, 30 de agosto de 2010

Da miña bitácora



Hábitos de compra (4)


Cando falamos de cambio de hábitos alimenticios debemos referirnos tamén á maneira de conquerir os productos cos que abastecerse e elaborar as comidas.
Ata finais dos anos 50 no mundo rural predominaban o autoconsumo e o troco; este último para conseguir productos tales coma o aceite, o café, zucre, cacao, cascarilla, achicoria, pementón e outras especies, conservas, sal (que non era un producto de consumomenor, xa que se empregaban grandes cantidades para conserva-la carne de porco).
A cambio os paisanos entregaban leite, ovos, grao de millo, trigo ou centeo paa obter as fariñas, fabas, patacas... máis ocasionalmente, polos, galiñas e coellos; é dicir, todos aqueles excedentes do consumo familiar que tiveran demanda no mercado, pero sempre en pequenas cantidades.
Estes productos tiñan como destinatarias inmediatas as familias da zoa que non se adicaban ó sector agrícola por medio das tabernas que facían de intermediarios.
O troco era practicado case exclusivamente polas mulleres, millor dito, pola muller da casa que tiña a responsabilidade da administración familiar, o que se coñecía popularmente coma "ter o cesto da feira".
O troco comeza a desaparecer a finais dos anos 50 pr varios motivos:
  1. A xente ten máis cartos en efectivo. Estes cartos proceden nunha nova forma de emigración a Europa, a Cataluña, ó País Vasco...; comezan a cobrarse os subsidios (daquela chamábanse así9 por xubilación, viudedade, orfandade, enfermidade o invalidez (emprego conscientemente este termo frente ópreferido actualmente de discapacidade para conservar a linguaxe das testemuñas);
  2. Os traballadores por conta allea nos sectores secundario e terciario teñen cada vez máis peso demográficamente en proporciónós traballadore agrícolas e aínda máis economicamente porque os seus salarios non están suxeitos á incertidume das colleitas;
  3. A introducción dos arados de ferro, das sachadoras e outra maquinaria agrícola permite que as familias poidan prescindir dalgunha man de obra que, adicada á construcción, ó transporte ou ós servizos, aporta uns ingresos moi imprtantes para a economía familiar;
  4. Tamén máis mulleres comezan a traballar para a incipientes clases medias como lavandeiras, pranchadoras, niñeiras, cociñeiras, asistentas (criadas de servizo por horas) e a cobrr en efectivo e non en especies, grazas a que ían paulatinamente liberando o seu tempo (xa non se cocía o pan na casa non se eleboraba o liño, non se tecía...);
  5. Recupérase man de obra xuvenil, grazas á renovación da poboación, en comparación coas décadas anteriores nas que se deixaron sentir os efectos da Guerra Civil;
Estamos entrando na modernidade.

Pisto


Ingredientes:
  • Pemento roxo;
  • Berenxena;
  • Calabacín;
  • Tomate;
  • Cebolleta;
  • Allo;
  • Viño branco;
  • Aceite de oliva;
  • Sal;
Elaboración:
Nunha cazola cun pouco de aceite de oliva, a lume medio, póchanse a cebolleta e o allo ben picados; añádenselle o resto das verduras cortadas en anacos medianos e déixase facer durante media hora ou máis; bótasele un vasiño de viño branco e déixase no lume outros 10 minutos.

Os nosos menús


Menú 146:
  • Longueiróns ó ferro;
  • Carne estofada;
  • Xelado;
Menú 147:
  • Ensalada de millo;
  • Xibia con arroz;
  • Macedonia de froitas;
Menú 148:
  • Ensalada de lombarda;
  • Ovos recheos con arroz branco;
  • Xelado;
Menú 149:
  • Ensalada de atún;
  • Milanesa de polo;
  • Froita de tempada;
Menú 150:
  • Mexilóns en escabeche;
  • Canelóns de carne;
  • Xelado;

Traballar a mantido

Siñifica que o patrón, ademais do salario en cartos ou en especies, debe darlle de comer ó traballador. Este sisema non só se aplicaba ós traballadores agrícolas, senón tamén a otros profesionais: canteiros, carpinteiros, xastres, costueiras, matachíns, cañeiros, albaneles...
O máis habitual eran tres comidas:
  • As once, tamén lle dicían "a parva";
  • O xantar;
  • A merenda;
Se os traballadores viñan de lonxe e, polo tanto, tiveran que madrugar moito, tamén se lle daba de almorzar. A cea só se incluía cando os traballadores pernoctaban na casa do patrón.
Pero existían moitas variantes segundo os oficios e profesións, as zoas, a época do ano e a procedencia dos traballadores.

Da miña bitácora



Polo asado con patacas novas


Ingredientes:
  • Polo, preferiblemente de corral;
  • Patacas novas pequenas;
  • Chícharos;
  • Zanoria;
  • Allo;
  • Cebola;
  • Ourego;
  • Acite de oliva;
  • Sal;
  • Viño branco;
Elaboración:
Límpase e trocéase o polo; ponse en adobo o día anterior (1) con ourego, aceite de oliva, sal, viño branco e un dente de allo picado (2).
Pásase na tixola cun pouco de adeite de oliva ata que esté dourado.
Colócase nunha tarteira e bótaselle o adobo por enriba.
Cando esté a medio facer, bótanse as patacas novas, os chícharos, a zanoria e unha ceboliña.
Sérvese o polo nunha fuente e o resto noutra. Podemos decoralo polo cunhas tiras de pemento morrón.
(1) Se o polo é de granxa abonda con poñelo en adobo un par de horas antes de cociñalo.
(2) Os paisanos botábanlle un pouco de azafrán ó aobo para darlle máis cor.

Curiosidades: patacas parideiras


Trátase de patacas que, conservadas nun ambiente cálido e seco, etre papel de periódico, por exemplo, reventan porque no seu interior medrou outra pataca.
Conservo unha pataca parideira desde o ano 2003 que, co paso do tempo, petrificouse, tendo actualmente o 59% do seu volume orixinal.
Descoñezo o nome científio deste fenómeno, o de "parideiras" puxémosllo o meu desaparecido amigo L.Q.M. e máis eu porque o seu aspecto recorda ó do feto saíndo do útero materno, ¡fóra a i-alma!, como diría os nosos devanceiros.

sábado, 28 de agosto de 2010

Os nosos menús


Menú 141:
  • Acelgas;
  • Salmón ó ferro con puré de patacas;
  • Froita de tempada;
Menú 142:
  • Sopa de cebola;
  • Pescada á romana con ensalada mixta;
  • Tarta de Santiago;
Menú 143:
  • Ensalada de pasta;
  • Polo en pepitoria;
  • Xelado;
Menú 144:
  • Sopa de verduras,
  • Codornices ó viño;
  • Macedonia de froitas;
Menú 145:
  • Ensalada de noces;
  • Cocochas de bacallao con patacas ó vapor;
  • Froita de tempada;

Cocochas de bacallao

Ingredientes:
  • Cocochas;
  • Aceite de oliva;
  • Allo;
  • Viño branco tipo Tío Pepe;
  • Perixel;
  • Sal;
Elaboración:
Límpanse as cocochas e adóbanse con allo, perixel, sal e aceite de oliva.
Ponse un pouco de aceite nunha cazola de barro a lume lento e bótanse as cocochas , añádeselle un chorro de viño branco e comeza a moverse ritmicamente a cazola para que vaia espesando a prebe. Se vemos que espesa moito añádese un pouco de auga.
Sérvense con patacas ó vapor.

Da miña bitácora



Marmelada de laranxa


Ingredientes:
  • Laranxas;
  • Zucre (o mesmo peso de zucre que de laranxas);
  • Un limón;
Elaboración:
Mondamos as laranxas e pasámolas pola licuadora; poñemos nunha tarteira a pulpa das laranxas e o zucre; removemos ata que o zucre está disolto por completo; añadimo-lo zume do limón e deixamos ferver ata que vai adquirindo a textura desexada.
Vertémo-la mistura nun ou varios botes de cristal, previamente fervidos, deixamos enfriar, pechamo-los botes herméticamente e poñémolos a baño María.

Os nosos menús


Menú 136:
  • Ensalada de lombarda con queixo fresco;
  • Patacas fritidas con ovos e chourizo;
  • Froita de tempada;
Menú 137:
  • Sopa de salmón con ameixas;
  • Tortilla de espárragos;
  • Iogurth;
Menú 138:
  • Ensalada mixta;
  • Fideos con ameixas;
  • Froita de tempada;
Menú 139:
  • Chipiróns ó ferro con ensalada mixta;
  • Bacallao ó forno;
  • Tarta de Santiago:
Menú 140:
  • Revolto de cogumelos;
  • Guiso de calamares con patacas;
  • Pexegos en almíbar;

viernes, 27 de agosto de 2010

As laranxas na cultura tradicional galega

Aínda que en Galicia, sobre todo na provincia de Pontevedra hai moitos laranxeiros, os seus froitos son ácidos por falta de suficiente Sol e empregábanas máis ben para xogaren os nenos, para adornar con elas os ramos das festas, os maios e as regueifas.
Os laranxeiros tiñan máis unha función ornamental que práctica e, nalgúns casos, representaban o abolengo familiar (pasado ou presente).
Xa fun a Marín,
xa pasei o mar,
xa comín laranxas
do teu laranxal.
Para consumir mercábanas e o seu consumo estaba limitado no mundo rural ás persoas delicadas de saúde, ós vellos e ós cativos; de aí que foran un froto moi prezado, tanto as laranxas comas as mandarinas. Eran un obsequio moi socorrido cando se ía visitar a unha persoa de idade avanzada, a un enfermo ou covalecente.
Sobre as laranxas tamén existían tabús: "por la mañana, oro; al medio día, plata; y a la noche, mata"; nen se tomaban laranxas pola noite, nen se mesturaba a súa inxesta coa de productos lácteos; tampouco as tomaban as mulleres durante a menstruación ou a dieta;máis ben se tomaban a media mañán ou na sobremesa, antes de comer o caldo, porque os máis vellos reservábano para o final do xantar.
Non se facía zume, salvo en contadas ocasións, senón que se comía a laranxa enteira, mondada, claro está, de xeito que, ademais de vitamina C, aportaba fibra.
As mondas da laranxa empregábanse como aromatizantes para a elaboración de postres ou de licores, neste caso deixándoas macerar un tempo.
Non chas quero, non chas quero,
laranxas do teu laranxal,
non chas quero, non chas quero,
que me poiden facer mal.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Cando era nena tiña prohibido pedir cousas de comer, agás pan ou as froitas das nosas árbores,diante dos outros rapaces, porque non lle podiamos dar a todos e miña nai dicía que non se debía comer diante doutras persoas se non se lles convidaba.
"Na nosa casa había laranxas, plátanos, galletas, figos e uvas pasas e outras golosiñas que os nenos cobizaban, aínda que foran de casas ricas, porque nas tabernas pequenas nonas vendían, agás pola festa ou no Nadal. Traíanllas a miña avoa porque estaba impedida...

jueves, 26 de agosto de 2010

"O abade onde canta, xanta"

Título que tomo prestado dun poema de Xosé María Álvarez Blázquez.
Con ocasión das grandes celebracións eclesiais (A Páscoa, O Corpus Christie...) e, no caso galego, sobre todo os enterros, reuníanse varios clérigos (sete eran os da "táboa") das parroquias viciñas ou desplazados desde un mosteiro póximo para cantar a misa ou o enterro cos correspondentes responsos; o cura titular da parroquia tiña a obriga de convidalos a xantar, ademais de pagarlle polos seus servizos, que el xa lle cobrara previamente ós seus parroquianos ou á familia do defunto.
Coma os curas tiñan fama de comer ben e en abondancia, os párrocos procurábanse criadas que souperan facer ben de comer.

A criada do cura:

Arrimar, arrimeime, funme arrimando,
á criada do cura cominlle o caldo;
cominllo caldo, nena, cominllo caldo;
arrimar, arrimeime, funme arrimando.
Era un personaxe emblemático da cultura tradicional galega, moitas veces denostado como evidencian tanto cancioneiro coma o refraneiro popular.

Ai lalalaa, ai lalelo,
i-a criada do cura ten un neno,
ten un neno xeitosiño
que de nome lle chaman Antoniño/Manoliño.

O cura cando vai fóra
déixalle dito á criada:
Veña tarde, veña cedo,
déitate na miña cama.
Tema que xa chamou a atención ó Arcipreste de Hita.

  • Comer coma un cura: comer en bondancia productos de calidade; o dito ven de cando os cregos vivían case coma os Señores da Idade Media; recibían "diezmos y primicias" e explotaban as terras do igrexario, ían de caza co boticario, o alcalde e o segredario do concello, cobraban polos seus servizos e aínda recibían dádivas a cambio de favores. Gostáballes ser convidados ás millores casas da parroquia e apreciaban a comida ben feita, os viños e os licores de máis calidade; tamén tiñan fama de larpeiros.
  • Vivir coma un cura: levar unha vida regalada;
Similares:
  • Comer coma un Pepe: comer ben, quedar satisfeito; dicíase dun neno, dun vello, enfermo ou convalencente para indicar que comera o suficiente; como había moitas patoloxías provocadas pola mala alimentación e outras as que esta influía negativamente, o comer en abondacia e, incluso o sobrepeso, eran considerados coma síntoma de saúde;
  • Estar coma un Pepe: (tanto se podía empregar esta expresión para referirse a un mesmo ou para referirse a outra persoa); estar ben tratado, satisfeito, coidado; o mesmo siificado ten "estar coma un rei nun ha cesta e a cesta polo río abaixo", nunha clara referencia á lenda de Moisés.

Codornices ó viño


Ingredientes:
  • Codornices;
  • Xamón serrano;
  • Cebolas;
  • Zanoria;
  • Loureiro;
  • Viño tinto;
  • Aceite de oliva;
  • Sal;
  • Pementa;
  • Perixel;
Elaboración:
Unha vez limpas as codornices, poñémolas en adobo o día anterior con sal, pementa, a cebola ben picada, a zanoria en taquiños, o loureiro e o viño tinto.
Cortámo-lo xamón en dados e salteámolo coas codornices, añadimos un pouco de aceite de oliva e o adobo.
Deixamos cocer entre 5 e 10 minutos e servímolas con arroz branco ou puré de patacas.
(Informante: C.V.S:, concello de Santiago de Compostela)

Os Diarios de Mariana Canabal

"Conta miña nai que os seus irmáns máis vellos foran á festa á casa dos avós paternos, na parroquia de A.M. Despois de comer en abondancia e dunha longa sobremesa, foron ó baile no que se atoparon cun amigo, tamén convidado nunha casa da mesma parroquia, pero ó que non agasallaran con tanta fartura; así que, rematada a troula, decidiron que iría con meus tíos a despedirse da familia, pois sabendo que aínda terían que andar máis dunha hora para volver á casa e que sobrara comida bastante, nonos deixarían marchar sen tomar nada.
"En efecto, nada máis entraren pola porta, ofrecéronlle de cear; meus tíos agradeceron cerimoniosamente a oferta, pero dixeron que non querían tomar nada porque o xantar fora abondante por demais; o seu amigo, en cambio, aceptou de bon grado coidando que lle ofrecerían algunha tallada que sobrara do mediodía, mais, para a súa sorpresa, manifestamente contrariada, díxolle a unha das fillas: -¡Pon o pucheiro ó lume para ferver auga e facerlle unhas sopas a este mozo! Ó escoitar tal cousa, o mozo sénteuse bulrado e apresurouse a dicir que en realidade non quería nada, que só manifestara o contrario por educación.
"¡Desde logo, o amigo dos meus tíos non tiña un día de sorte!...

miércoles, 25 de agosto de 2010

Da miña bitácora


As rogas (2)

Ás veces o parentesco espiritual, que se establecía principalmente polo feito de ser padriño ou madriña do bautismo e, como consecuencia, afillado ou afillada e comadre ou compadre, era máis forte e duradeiro que o parentesco de cosanguinidade, pois, ó non ter aquel recoñecemento civil, non daba lugar a pleitos ou liortas por cuestións patrimoniais.
Ademais destes lazos de parentesco existían outros vínculos entre as familias, xurdidos ocasionalmente, pero que pasaban dunhas xerazóns a outras ata perderse a memoria do feito que orixinara a estreita relación interfamiliar.
Do mesmo xeito que se transmitían os vínculos solidarios, tamén se transmitían as inimistades.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"As nosas uvas eran as primeiras que maduraban, porque a viña era alta e estaba toda ela orientada ó mediodía. Vendimabamos e acarrexabamo-las uvas en cestas e estos á casa dos da R., que non era a máis próxima, nen teñamos parentesco algún con eles, pero levabamonos ben.
"Tiñan un lagar grande e feito de novo no pallote que estaba ó carónda casa; tiñánnolo limpo e disposto para nós, porque ele vendimaban máis tarde. En compensación deixabámoslle o bagazo para despois xuntalo co seu e facer a caña; logo dábannos unha botella ou dúas, segundo fora a anada...

Os nosos menús


Menú 132:
  • Sopa de fideos;
  • Calamares recheos;
  • Tarta de chiculate;
Menú 133:
  • Chipiróns ó ferro;
  • Empanada de bacallao;
  • Xelado;
Menú 134:
  • Croquetas de polo;
  • Ollomol ó forno;
  • Xelado;
Menú 135:
  • Ensalada de millo;
  • Guiso de carne;
  • Froita de tempada;

martes, 24 de agosto de 2010

Chulas de bacallao


Facíanse para aproveitar as talladas de bacallao sobrantes; desmenuzábanse cos dedos para asegurarse de eliminar tódalas espiñas.
Batíanse uns ovos e añadíase a fariña e mailo bacallao.
Fritíanse en aceite ben quente.

As rogas

As rogas eran labores agrícolas nas que uns viciños axudaban ós outros; facíanse principalmente con ocasión da sementeira, da sega, da malla e da vendima.
Hei de ir á túa seitura,
hei de ir á túa segada;
hei de ir á túa seitura
que a miña vaiche acabada
di a copla tradicional.
A participación nas rogas tiña as súas normas non escritas e diferentes das dos traballos comunitarios. Nelas participaban principalmente os mozos e as mozas, tanto pola súa forza física, como polo feito de que a meirande parte das rogas remataban en troulas.

Unha variante das rogas era a solidariedade veciñal con aquelas familias que tiñan algunha ou algunhas leiras, en propiedade ou arrendadas, pero non tiñan vacas para tirar do carro, do arado ou da grade. Esta axuda viña dada pola vecindade (cando unha familia facía un labor nunha leira colindante, facíanlle o mesmo traballo) ou polos lazos de amizade ou parentesco (a familia que prestaba a axuda desplazábase a propósito para facer o labor). A familia que recibía a axuda correspondía traballando gratuitamente para a outra nas mesmas faenas que lle facilitaran.

Os traballos comunitarios, obrigatorios a diferencia das rogas nas que a participación era voluntaria, eran o sistema empregado para a millora de camiños, o mantenemento das pontes, a limpeza das fontes, construcción de lavadeiros, limpeza de montes comunais, etc.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Na nosa parroquia o que organizaba os traballos comunitarios era o cacique, que sempre se presentaba voluntario pasa asumir esta responsabilidade delegada do Alcalde para obter algún beneficio coma o de darlle prioridade ós labores de mellora dos accesos ós seus terreos ou sacar comisión da compra de materiais (pagados estes con fondos do Concello ou da Diputación), pero, sobre todo, o seu principal interés era o de trapichear coas listas nas que figuraban as persoas que debían realiza-los traballos, que el mesmo elaboraba e modificaba ó seu antollo.
"En xeral, nestes labores debía participar un home de cada casa, levando consigo a ferramenta ou a maquinaria necesaria para face-la tarefa que lle correspondera tendo en conta o seu oficio ou habilidade, se non era labrego. Pero o cacique incluía na súa lista a familias formadas só por mulleres, viúvas, nais solteiras ou casadas que tiñan o seu home fóra; iso si, informándoas de que podería libralas da obriga, non a cambio de favores sexuais, que é o que pode pensar o lector que chegou ata aquí, senón da realización dalgún traballo na súa propia casa ou, simplemente para que lle deberan o favor de por vida...
"Algunhas mulleres, dada a situación, preferían compartir cos homes estes labores comunitarios, mostrando así a súa disconformidade coas prácticas caciquiles...

Os Diarios de Mariana Canabal


"A parte máis preciada do porco eran os xamóns; despois de sacalos do sal, poñíanse a curar pendurados dunha viga ou dun puntón por un cordel, nun sitio seco; ás veces mesmo os colgaban debaixo da viña, a sombra, cando sopraban o Norte ou o Nordés con forza; neste caso metíanos nunhas saquetas feitas de lenzo dunha saba vella ou das sacas da fariña, para protexelos das moscas.
"Parte desdes xamóns reservábanse para a época dos labores máis importantes do ano e moi especialmente para as rogas; os outros remataban no bandullo dos profesionais e funcionarios, tanto da comarca coma da capital (médicos, notarios, avogados...).

¡E un xamón!
Ten o mesmo siñificado que "¡naranjas de la China!", "ancas de ráa", "diso nada", "nen falar do conto", negativa rotunda, non falta de ironía, porque os xamóns eran a parte máis preciada do porco, que moitas veces os paisanos non comían, senón que os empregaban para obter ou agradecer favores, por iso, na sociedade tradicional os xamóns están unidon ó soborno, ó enchufismo e ás prebendas conseguidas inxustamente de funcionarios ou profesionas corruptos.

domingo, 22 de agosto de 2010

Da miña bitácora

As landras:
Recollíanse para darlle ós porcos como complemento á súa alimentación habitual (lavadura e fariña de millo); era un traballo que facían os nenos ou as nenas cuns cestiños de bimio de tamaño acorde á estatura e á idade do rapaz, porque para un adulto era un labor vergonzante.
Para os cativos era un pequeno xogo, xa que aproveitaban a xuntanza para xoga a "nesta casa hai fume", á agachadela ou a calqueira outro xogo.
Tamén se empregaban nalgúns xogos de apostar ou nalgunhas sortes sustituíndo ás fabas ou ós carolos.

¡Animal de bellota!: bruto, terco, cabezota; insulto que aínda escoitamos de cando en vez. Lembremos que as landras (bellotas) son a base da alimentación do cerdo ibérico, hoxe tan valorado.

miércoles, 18 de agosto de 2010

O pan (3)


As panaderías soían ser un negocio familiar; os distintos membros repartíanse as tarefas de quenta-lo forno, amasar, modela-las pezas, enfornar e desenfornar.
Segundo o tamaño da familia e o volume de venta podían contar ou non para estes labores coa colaboración de pers
oas alleas a ela, de xeito habitual ou só ocasionalmente (con motivo de festas ou celebracións nas que, ademais do pan, facían traballos de reposteiría).
Pero como non só facían o pan e o vendían ó por menor, senón que abastecían ás tabernas, para isto soían recurrir a mulleres, que o levaban en cestas sobre a cabeza ou a homes que o levaban en sacos ó lombo ou coa axuda dun burro. Non era raro que este traballo o fixeran tamén algúns rapaces, incluso en idade escolar, porque só requería unhas horas de adicación. Cando se trataba de rapaces soía pasar duns irmáns ós outros.
Tamén o oficio de panadeiro pasaba dunhas xeracións a outras, pero tanto por vía masculina coma feminina, a diferencia doutros que estaban determiñados polo xénero.

Non pesaban a masa, senón que facían as pezas a ollo, clasificando os moletes e as bolas polo seu tamaño final; se había dúbidas de que tiveran o peso correcto, pesábanas cunha balanza de pratiños.
Os que vendían pan nas feiras e mercados empregaban a balanza romana.
Facían moletes de ata 5 kilos, que vendían enteiros ou partidos. Chamaban a atención os que exhibían no escaparte da panadería de Elena, na Praza de abastos de Santiago de Compostela. Estes grandes moletes eran mercados polos pulpeiros, as casas de comidas, as familias nos días de festa e tamén para as regueifas.
Os panadeiros e panadeiras tiñan fama de borrachíns, unhas veces con razón e outras sen ela porque había quen mataba a sede só a base de café de pota, pero os fornos quentábanse con leña e desprendían moito calor, de aí as cores das meixelas.
Tamén tiñan fama algúns de ser pouco coidadosos coa súa hixiene persoal, coido que era sobre todo por estaren sempre enfariñados.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Ás panaderías íase merca-lo formento para amasar na casa fariña para facer empanadas ou empanadiñas. Era un mandado que lle encomendaban ós nenos; cun patacón pou unha perra chica abondaba; se ademais lle mercabas o pan habitualmente non che cobraban o formento...

martes, 17 de agosto de 2010

"A fusión"


Hoxe está de moda esta palabra para referirse a aqueles fenómenos culturais que son froito da interrelación de dúas ou máis tradicións.
Esta interrelación está marcada actualmente polos medios de comunicación, o turismo e o dinamismo social. Pero non sempre aconteceu así. Ata os anos 60 o intercambio de hábitos e costumes estaba moi limitado, unha porque os productos que se podían adquirir nos mercados eran case por completo autóctonos; e outra pola rixidez da sociedade da época que non propiciaba os contactos igualitarios entre os estamentos, senón que o reducía ó intercambio interesado de favores e servizos.
Neste contexto debemos situar ás mulleres máis novas que, traballando de criadas, costureiras, lavandeiras, amas de cría, etc., para familias procedentes doutras Comunidades, levaban á súa propia familia fórmulas novas, non só no tocantes á gastronomía, senón tamén ó eito de vestir, á fala, os gostos musicais, pero coa diferencia de que en tódolos demais eidos a tradición xogou en desventaxa con respecto á modernidade.


sábado, 14 de agosto de 2010

Os nosos menús


Menú 127:
  • Vieiras ó forno;
  • Linguado ó ferro con patacas ó vapor;
  • Leite fritida;
Menú 128:
  • Xudías con xamón;
  • Ovos recheos;
  • Xelado;
Menú 129:
  • Ensalada de atún;
  • Fideos con ameixas;
  • Froita de tempada;
Menú 130:
  • Cigalas ó ferro;
  • Peixesapo n salsa verde;
  • Almendrados;
Menú 131:
  • Empanada de zamburiñas;
  • Carne ó caldeiro;
  • Tarta de Santiago;

Os Diarios de Mariana Canabal

"Algúns dos festeiros que eran de lonxe quedaban na casa á que foran convidados para os tres días, principalmente as mozas máis novas, pois ós adultos e ós mozos precisábanos nas súas propias casas para atender a facenda.
"As casas das aldeas non soían ter moitos cuartos, pero eran espaciosos, así que botaban xergóns no chan ou, incluso, palla e uns cobertores para acomodar ós convidados. Nunha mesma cama podían durmir dúas ou tres rapazas e outras tantas no chan. Elas soían aproveitar esta circunstancia para argallar brincadeiras coas que divertirse á conta dos mozos mentres durara a festa; as máis vellas facíanse confidencias sobre os mozos que as pretendían, cortábanse o pelo e peiteábanse unhas ás outras...
"Os máis vellos da casa soían disfroitar das súas argalladas e ata propicialas, lembrando cicais os tempos nos que eles eran novos tamén...
"Cando un irmán ou unha irmáa máis vella casara para outra parroquia era costume que, polo menos o primeiro ano de casado ou casada, invitara ás súas irmáas e ás súas primas, incluso, á festa, poñendo especial interés en que coñeceran a algún mozo do lugar. Era un xeito de paliar nha certa endogamia que existía nalgunhas zoas por mo do seu ancestral aillamento.
"Por outra banda, na Guerra Civil morreran moitos mozos, outros volveran lisiados ou tuberculosos, non eran poucos os que estaban no cárcere ou no exilio, de xeito que as mulleres tiñan que aproveitar tódalas oportunidades para buscar un mozo para casar...
"Por outra parte, para a muller que casaba para outra parroquia a presencia de mulleres da súa familia de sangue (nai, irmáas, primas e ata tías solteiras) resultaba moi gratificante, pois, dados os escasos medios de comunicación e as limitacións que as ríxidas normas sociais impoñían ás mulleres casadas, ás veces non se vían máis que unha ou dúas veces ó ano.
"Finalmente, en presencia dos parentes da muller, o home e maila súa familia tratábana con mimo, por aquilo do que dirán, aínda que de cotío non fora así...

viernes, 13 de agosto de 2010

Utensilios


Capachos para recoller as uvas na vendima:

Da miña bitácora



As tabernas (3)


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Nas paradas dos coches de liña ou dos autobuses sempre había unha taberna, ben porque os tarberneiros previamente establecidos o acordaban cos empresarios das liñas, ben porque a algúns novos se lles ocorría montar a taberna perto da parada dos autocares. Era unha simbiose perfecta da que todos saían gañandp, incluso os viaxeros que tiñamos un lugar onde abrigarnos. Foi así como vin pro primeira vez un aparello de televisión, nunha pequena taberna perto de Santiago de Compostela a comenzos dos anos 60. Os parroquianos, algúns xa entrados en anos, quedaban fascinados co anuncio de "Soberano es cosa de hombres".
"Transcurriran máis de dez anos e fun pasar uns días a Flariz, unha aldea da provincia de Ourense, perto de Monterrei, a escasa distancia da rai con Portugal; a única taberna da aldea tiña tamén o único televisor da zoa, só que, neste caso, por alí non pasaba ningunha liña e as mulleres non tiñan a disculpa de abrigarse nen do Sol nen da choiva, por iso só había homes, agás a miña amiga e máis eu, pero iso era porque o taberneiro era o seu tío...

jueves, 12 de agosto de 2010

Crema de cabazo


Ingredientes:
  • Cabazo ou zapallo;
  • Puerro;
  • Unha pataca;
  • Zanoria;
  • Un queixiño (queixo en porcións);
  • Sal;
  • Pementa;
Elaboración:
Córtanse tódolos ingredientes en taquiños e cócense en frío; pásanse pola batidora, corríxese de sal e añádeselle a pementa; pódenselle engadir picatostes.

miércoles, 11 de agosto de 2010

Ditos relacionados coa gastronomía (5)


  1. As vodas de Camacho: comida abondante e de calidade;
  2. Carto gañado, carto papado: dise dunha prsoa que non aforra, que o gasta tofo;
  3. Comer de campo: comer ó aire libre con motivo dunha romería ou dunha excursión;
  4. Estar coma un espárrago: estar moi fraco;
  5. Estar sen probar bocado: estar en aunas, non ter comido nada nun certo tempo;
  6. Facer rancho aparte: separarse dun grupo (familiar, laboral, social...) ó que se perteñece para compartir información ou privilexios que lle son negados á maioría; o dito provén da vida militar, porque o rancho era a comida que se lle servía á tropa, escasa e malamente condimentada egundo a opinión máis xeneralizada;de feito, ata os anos 70, os mozos que estaban no Servizo Militar levaban provisións das súas casas ou cartos pra mercar alimentos fóra do cuartel, que soían compartir cos compañeiros máis achegados, pero ás agochadas dos seus mandos; hoxe usamo-la expresión "a ese hai que botarlle de comer aparte" para referirnos a unha persoa que non se adapta ás normas que segue a maioría;
  7. Facerlle o caldo gordo a alguén: conquistar a unha persoa sen reparar nos medios empregados, tanto desde o ponto de vista legal coma ético; facer caír a unha persoa nunha trampa empregando métodos sibilinos; hai unha expresión sinónima que apuro se emprega na actualidade "encestalo", que non ten nada que ver coa cancha de baloncesto, senón con "facerlle o cesto", dito tamén dafala popular que indica un xeito de cmportarse cunha persoa rodeándoa sutilmente de comodidades, "estar coma un rei nunha cesta", ó mesmo que se limita a súa libertade e a súa independencia;
  8. Lavadura: restos de comida que se destiñan ó consumo animal; comida que se prepara para os porcos consistente en verdura escaldada e misturada con salvado;
  9. Morrer coa sede: sentir ansia imperiosa de beber;
  10. Naranjas de la China: expresión que escoitei sempre en castelá, aínda que a empregaran os galegofalantes, co siñificado de "ca, diso nada", non é certo, posibel ou verosímile;
  11. Non ter paladar: non apreciar os sabores das comidas; non ter gosto para escoller;
  12. O coche come con un á mesa: quere dicir que, ademais da súa compra, o coche ocasiona uns gastos diarios (combustible, aparcadoiro, seguro, impostos) que debemos ter en conta antes de mercalo;
  13. Paladear: saborear, probar, catar;
  14. Picnic: comida campestre; palabra inglesa, en francés é pique-nique;
  15. Poñe-la mesa: dispor os utensilios para comer, pratos, vasos, coitelos, garfios, culleres...; era un labor que aprendían a facer as nenas, case desde pequenas, non así os seus irmás varóns;
  16. Por un prato de lentellas: por pouca cousa; as lentellas en Galicia eran consideradas un producto case marxinal, para os pobres, porque se descoñecía o seu valor nutritivo; o dito ten a súa orixe nun relato bíblico;
  17. Rancho: porquiño pequeno; comida para moita xente, especialmente nos cuarteis;
  18. Servir á mesa: acarrexar e repartir os alimentos que se4 van tomar; nas casas nas que non había servizo doméstico facíao a ama da casa ou algunhas das fillas máis vellas;
  19. Son fabas contadas: dise dun negocio que produce un escaso beneficio ou uns ingresos reducidos;
  20. ¡Teñámo-la festa en paz!: non rifemos, non discutamos; non era raro que nas comidas das festas, nas que se reunía a familia extensa, houbera reproches e liortas, principalmente por mor das herdanzas; dispois e comer e beber en abondancia, algún non podía reprimir as súas queixas;
  21. Ter mans de manteiga: dise dunha persoa á que se lle caen con frecuencia as cousas das mans, utensilios ded cociña, por exemplo, ou que ten pouca forza para abrir ou pechar correctamente un recipiente;
  22. Ter unha empanada mental: estar confuso; ter moita información sen saber moi ben como empregala;

martes, 10 de agosto de 2010

Da miña bitácora


Os nosos menús


Menú 121:
  • Lentellas;
  • Empanadiñas de atún e ensalada de leituga e tomate;
  • Flan;
Menú 122:
  • Berenxenas recheas;
  • Arroz con bacallao;
  • Froita de tempada;
Menú 123:
  • Ensalada de queixo;
  • Sardiñas asadas con cachelos;
  • Filloas recheas de mel;
Menú 124:
  • Crema de calabacín;
  • Bacalla á brasa;
  • Xelado;
Menú 125:
  • Filloas recheas de marisco;
  • Bacallao ó forno;
  • Iogurth;
Menú 126:
  • Croquetas de polo e pementos de Padrón;
  • Robaliza ó sal;
  • Froita de tempada;

Os Diarios de Mariana Canabal

"Unha ou dúas veces por semán, case sempre os xoves e os sábados, pasaba o pescadeiro ou peixeiro, que dos dous xeitos lle dicían.
"O seu percorrido dependía das venda que fixera, cando remataba o xénero, daba a volta e volvía para Santiago.
"Avisaba da súa chegada tocando a bocina da furgoneta ou do motocarro, que todos recoñecían, para que as mulleres acodiran ó camiño por onde pasaba xa cos cartos no peto do mandil, pois ó pescadeiro paábaselle na man. Traía xurelos, grandes e pequenos, sardiñas, bacallaos (lirios), anguilachos e máis rara vez cariocas ou fanecas, porque a nosa casa quedaba ó final do percorrido e xa as vendía antes de chegar alí...
"As mulleres tamén ían co peixe na cabeza polas carreteras de saída de Santiago tratando de esgotar a mercancía que non venderan na praza de Abastos. Elas non estaban motorizadas e algunhas aceptaban o pago en especies (millo, fariña, patacas, fabas, repolo...).

domingo, 8 de agosto de 2010

Máis sobre o cambio de hábitos

A traverso dos testimonios recollidos sobre a cociña, a alimentación e todo o que xira ó seu redor, podemos decatarnos dos grandes cambios sofridos pola sociedade galega nos últimos 60 anos.
Estes cambios teñen que ver con tódolos aspectos da vida cotiá e foron propiciados tanto desde o interior da propia sociedade galega, coma desde o exterior,

Desde o interior as causas dos cambios son múltiples:
  1. A reducción do núcleo familiar, o envellecemento da poboación e o aumento do número de familias unipersoais;
  2. A menor necesidade de realizar grandes esforzos físicos e, en consecuencia, a menor necesidade de inxerir productos de gran aportación enerxética;
  3. A preocupación pola saúde, pola hixiene e polo peso corporal;
  4. A posibilidade de atopar nos mercados unha meirande variedade de productos;
  5. A transformación dos medios para cociñar;
  6. Unha diferente distribución do tempo;
  7. Unha meirande capacidade adquisitiva...
Desde o exterior, sen dúbida, a publicidade e máis concretamente a publicidade televisiva resulta un dos factores máis influíntes, pero non hai que esquencer a incidencia dos costumes dos inmigrantes, emigrantes retornados e do turismo. As parrilladas, tanto de carne coma de peixe, o churrasco, os chourizos criollos, as pastas, pizzas, crepes e mesmo o consumo de marisco hoxe forman parte habitual da nosa dieta polo seu influxo.

As comidas das festas (2)

Os convidados á festa eran os festeiros. Para chamar á festa seguíanse unhas complexas normas protocolarias non escritas, pero seguidas minuciosamente polos paisanos.
Estas normas estaban basadas fundamentalmente nos sistemas de parentesco:
- sanguíneo;
- político (por matrimonio);
- espiritual (padriños e afillados);
Ós festeiros convidábaselles a festa dun xeito persoal; con certa anticipación o home da casa, case sempre á noitiña ía expresamente á casa dos seus parentes para "chamalos"; dábase por feito que esta invitación era extensiva a tódalas persoas da cas, se ben na práctica nunca ían todos; por suposto non acodían os que estiveran de loito recente; se o loito era por algún da casa ou parente en primeiro grao falecido no último ano, xa non se lles chamaba; tampouco ían as muleres que estiveran dándolle de mamar ó fillo e, por último sempre quedaba alguén na casa para atender ós animais (muxi-las vacas, darlle de comer ós porcos...), ós vellos ou ós enfermos.
Como a invitación era recíproca, cada familia tiña en conta o número de persoas da outra que acodiran na derradeira ocasión á súa festa.
Se a familia convidada tiña un parentesco político (por matrimonio), o número de persoas que acodían era máis reducido que se o parentesco era sanguíneo.
Se o parentesco era espiritual (padriños e afillados), só se entendía a invitación para o interesado e un acompañante.
Un mozo non ía á festa acompañado da súa moza nen ó revés se non tiñan posto o casamento, e aínda así, tanto un coma a outra soía facerse acompañar dun irmán ou doutra persoa da casa.
Pero como non era raro que un mozo e un ha moza tiveran familiares na mesma parroquia, cada un ía á casa dos seus parentes para coincidir logo no baile.
Á festa tamén podían convidar a algunha persoa coa que non tiveran parentesco, pero tiña que ser alguédn co que houbera moita confianza.
O que ía á festa a unha casa contraía o compromiso ímplicito de convidar á súa cado estivera de festa.
Á hora de dicidir que persoas da familia irían á festa a outra casa, tamén tiñan en conta as idades e o interés ou non de emparentar ou non na parroquia que se visitaba. Se tiñan interés por emparentar mandaban ós mozos e se non ían os máis vellos.

Todos estes costumes facían que nas casas se xuntaran moitas persoas, co conseguinte gasto en comida e bebida. Pouco a pouco a celebración das festas patronais foi decaíndo en beneficio doutras celebracións de carácter máis persoal: cumpleanos, aniversarios de voda, primeiras comnións, bautizos, etc.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Soían chegar á media mañán, estreando calzado e roupa ou, polo menos, ataviados cos millores traxes que tiveran; se estaban de loito non podían ir á festa.
"A partires de mediados dos anos 60, despois do Concilio Vaticano II, cando se modificaron as normas sobre o tempo que debía pasar desde a última inxesta de alimentos ata a Comunión, ofrecíaselles un tentempé, antes non, porque non se podía comulgar ata pasadas tres horas.
Ían á misa cantada coa familia que os convidara, participaban no baile da saída da misa e logo xantaban durante horas; tamén ían ó baile da noite a despois a cear á casa na que estaban convidados; logo uns marchaban durmir á súa e outros quedaban para o outro día...

Da miña bitácora



sábado, 7 de agosto de 2010

As tabernas (2)


Nas tabernas, ademais de viño, gaseosa, cerveza, caña e outros licores, vendían aceite, zucre, sal, pan e outros productos alimenticios, pero tamén tabaco, piensos para os animais, abonos e fertilizantes, sulfato de cobre para as viñas, ferramentas pequenas, cravos e puntas, productos de droguería, material escolar (pizarras, pizarríns, lapis e libretas), incluso tecidos; todo dependendo da existencia ou non doutros establecementos nas proximidades, da inversión que poidera facer o taberneiro e da demanda dos clientes.
Algunhas tabernas tamén daban de comer, case sempre o mesmo menú que facían para a familia, ós traballadores ós que non lles daba tempo de ir comer á casa ou a persoas que se atopaban accidentalmente na zoa.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Ch. e C. eran un matrimonio novo que fixera unha casa ó carón da pista pola que pasabamos para ir á escola ou á eirexa.
"Era unha construcción de ladrillo en forma de ángulo recto, de pranta baixa; unha parte, aberta cara o Leste, estaba adicada á cría de animais (porcos e galiñas) para o autoconsumo, e a cuberto no que almacenar o toxo, a palla e a comida dos animais e tamén os pipos de viño e as caixas de cervexas e gaseosas.
"A outra , que miraba cara o Sur, estaba adicada a vivenda e a taberna, ámbalas dúas comunicadas por unha abertura no tabique a xeito de porta e da que colgaba unha cortina de cretona. Esta parte estaba rcebada e caleada por fóra, non así por dentro, que se vían os ladrillos ó descoberto.
"Diante da porta da taberna, pola mañá cedo cando pasabamos para a escola aliñábanse as caldeiretas que os paisanos ían enchendo pouco a pouco co leite que acarrexaban en caldeiros. Os homes levábanos á man e as mulleres na cabeza.
"Ch. tiña unha libreta coma as que empregabamos os rapaces na escola na que apontaba cada día a cantidade de leite aportada por cada familia...

viernes, 6 de agosto de 2010

As comidas das festas


As festas patronais celebrábanse unha vez ó ano e soían durar tres días; o primeiro estaba adicado ó santo patrono da parroquia (San Antonio, San Xoán, San Pedro, a Virxe do Carme, A Nosa Señora e outros menos frecuentes coma San Mateo, San Bartolomé, San Verísimo ou Santa Catarina); o segundo día celebrábase o Santísimo Sacramento, a non ser que a patrona fora Santa María que, nese caso en moitos sitios celebraban o San Roque; o terceiro día variaba dunhas parroquias a outras, pero era relativamente frecuente honrar a San Antonio se nono fixeran no seu día (13 de xuño).
Convidaban ós familiares que residían noutras parroquias e non estiveran en festa. Se só tiñan familiares na mesma paroquia facían unha sorte de intercambio para iren xantar uns á casa dos outros.
Se as festas eran no mes de agosto, feito bastante común, acodían algúns dos familiares da emigración.
Aínda que se tratara de familias humildes, todos preparaban a festa o millor que podían:
- limpaban a casa con esmero, facían algúns arreglos se era preciso, caleaban...
- lavaban os xergóns, as mantas, colchas...
- estreaban roupa e zapatos novos que meraban ou mandaban facer á costureira;
- sacrificaban animais que tiñan cebados e reservados para a ocasión: cabrito, cabra, carneiro, capóns, polos...

O primeiro día da festa facían varios pratos en abondancia: callos, cocido, arroces (con carne, coello, berberechos, ameixas...)
A carne asada soían deixala ara para o final para que fora o que sobrara, porque logo tomábana fría, á noite cando viñan do baile ou mesmo no descanso da orquestra se vivían perto do campo da festa, ou ó día seguinte.
A carne que asaban era do animal que sacrificaran para a ocasión ou carne de cucho que mercaban nas carnicerías, pois rara era a familia que se podía permitir matar un.
A carne asada acompañábse de patacas pequenas douradas; presentábase moitas veces na mesma cazola de barro que se empregara para a súa preparación; unha fuente grande con ensalada de leituga e tomate e outra con pementos de Padrón poñíanse no centro da mesa.
Non podía faltar o pan de molete.
Na sobremesa ofrecían arroz con leite, queixo con mermelo, biscoito, brazo de zigano ou rosca, estes encargados na panadería aínda lle levaban á panadeira os ovos da casa; o tamaño do biscoito, do brazo de zigano ou da rosca medíase pola cantidade de ovos que levara.
Para rematar: café de pota e copas de caña, de anís ou de coñá.
O costume de comer marisco é máis recente.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Pola festa do noso barrio era típico comer a cabra. As mulleres adobabana na casa á súa maneira e logo levábana a cocer ó forno de leña. Algunhas viciñas teñen rifado en máis dunha ocasiónco panadeiro ou coa súa muller porque se esnaquizara a cazola co calos do forno ou porque a algunha lla dera trabucada...
"Tamén levaban a cocer empanadas porque dicían que a comida feita no forno de leña sabía millor que a que se cociñaba na cociña de gas...

Viño español


Viño de honra (1), aperitivo que se serve despois dun acto solemne ou oficial, de carácter público, para convidar ós asistentes ó mesmo; consiste normalmente en bebidas frías (nen café, nen infusións), pero non exclusivamente viño, senón tamén cervexa, mosto, refrescos, augas minerais, zumes e xa máis recentemente tamén cava e cap de froitas; e pinchos, que se toman de pé (olivas, tortilla española, empanada, ensaladiña rusa, fiambres, queixo, froitos secos, patacas fritidas, patés, galletas salgadas, mesmo caviar (ou algún sucedáneo), croquetas, calamares fritidos.., segundo o presuposto de queno encarga e a imaxinación de queno serve.

Con motivo do desastre do Prestige as institcións públicas galegas suspenderon os viños de honra, moi frecuentes na época de Nadal, e algunhas nonos volveron recuperar agás en situacións de gran solemnidade; actualmente e debido á crise económica están prácticamente esquencidos.

(1) Esta denominación triunfou sobre a de "viño galego".