"Entre estas prohibicións lembro a de pasar por debaixo da mesa de comer cando había alimentos enriba dela, principalmente pan.
Dicían que os nenos que facía iso collían o asombramento e, polo tono que empregaban xa te decatabas de que se trataba dunha enfermidade grave, pero cando querías saber algo máis mandábanche que sentaras calado na túa cadeira ou que foras xogar cos outros rapaces. Esta actitude dáballe máis misterio ó asunto e a curiosidade dos nenos non ten límite.
"Na certeza de que preguntar non servía de nada, había que estar alerta cando os maiores pronunciaran esa palabra por ver se algún coñecido padecía ese estrano mal e observalo coa meticulosidade do investigador. O feito de decoñecer palabras como "ciencia" ou "método", non era impedimento para aplicar o método científico con todo o rigor do que eramos capaces para chegar ás conclusións que mataran a nosa curiosodade.
"Foi así como descobrimos que o asombramento só afectaba ós cativos ou ós adolescentes, tanto nenos coma nenas, pero máis a eles que a elas. Os síntomas más comúns eran: palidez extrema, falta de apetito y, polo tanto, perda de peso, fatiga crónica e falta de vitalidade, tendencia á ensoñación e á malenconía, autoaillamento e falta de interés polo entorno...
"Anos máis tarde lendo a Hermann Hesse recoñecín estes síntomas nalgúns dos personaxes das súas novelas con final tráxico...
"Probablemente estes trastornos eran debidos á mala alimentación, a unha tendencia depresiva ou ás primeiras fases de desenrolo da tuberculose, tan frecuente nos anos 40 e 50.
"Tamén se podía coller o asombramento por durmir cunha persoa maior poucos días antes de que esta morrera...
"Para quita-lo asombramento practicaban unha serie de rituais, metade máxicos e metade hixiénicos dos que haberá ocasión de falar...
No hay comentarios:
Publicar un comentario