"As casas das aldeas non soían ter moitos cuartos, pero eran espaciosos, así que botaban xergóns no chan ou, incluso, palla e uns cobertores para acomodar ós convidados. Nunha mesma cama podían durmir dúas ou tres rapazas e outras tantas no chan. Elas soían aproveitar esta circunstancia para argallar brincadeiras coas que divertirse á conta dos mozos mentres durara a festa; as máis vellas facíanse confidencias sobre os mozos que as pretendían, cortábanse o pelo e peiteábanse unhas ás outras...
"Os máis vellos da casa soían disfroitar das súas argalladas e ata propicialas, lembrando cicais os tempos nos que eles eran novos tamén...
"Cando un irmán ou unha irmáa máis vella casara para outra parroquia era costume que, polo menos o primeiro ano de casado ou casada, invitara ás súas irmáas e ás súas primas, incluso, á festa, poñendo especial interés en que coñeceran a algún mozo do lugar. Era un xeito de paliar nha certa endogamia que existía nalgunhas zoas por mo do seu ancestral aillamento.
"Por outra banda, na Guerra Civil morreran moitos mozos, outros volveran lisiados ou tuberculosos, non eran poucos os que estaban no cárcere ou no exilio, de xeito que as mulleres tiñan que aproveitar tódalas oportunidades para buscar un mozo para casar...
"Por outra parte, para a muller que casaba para outra parroquia a presencia de mulleres da súa familia de sangue (nai, irmáas, primas e ata tías solteiras) resultaba moi gratificante, pois, dados os escasos medios de comunicación e as limitacións que as ríxidas normas sociais impoñían ás mulleres casadas, ás veces non se vían máis que unha ou dúas veces ó ano.
"Finalmente, en presencia dos parentes da muller, o home e maila súa familia tratábana con mimo, por aquilo do que dirán, aínda que de cotío non fora así...
No hay comentarios:
Publicar un comentario