As festas patronais celebrábanse unha vez ó ano e soían durar tres días; o primeiro estaba adicado ó santo patrono da parroquia (San Antonio, San Xoán, San Pedro, a Virxe do Carme, A Nosa Señora e outros menos frecuentes coma San Mateo, San Bartolomé, San Verísimo ou Santa Catarina); o segundo día celebrábase o Santísimo Sacramento, a non ser que a patrona fora Santa María que, nese caso en moitos sitios celebraban o San Roque; o terceiro día variaba dunhas parroquias a outras, pero era relativamente frecuente honrar a San Antonio se nono fixeran no seu día (13 de xuño).
Convidaban ós familiares que residían noutras parroquias e non estiveran en festa. Se só tiñan familiares na mesma paroquia facían unha sorte de intercambio para iren xantar uns á casa dos outros.
Se as festas eran no mes de agosto, feito bastante común, acodían algúns dos familiares da emigración.
Aínda que se tratara de familias humildes, todos preparaban a festa o millor que podían:
- limpaban a casa con esmero, facían algúns arreglos se era preciso, caleaban...
- lavaban os xergóns, as mantas, colchas...
- estreaban roupa e zapatos novos que meraban ou mandaban facer á costureira;
- sacrificaban animais que tiñan cebados e reservados para a ocasión: cabrito, cabra, carneiro, capóns, polos...
O primeiro día da festa facían varios pratos en abondancia: callos, cocido, arroces (con carne, coello, berberechos, ameixas...)
A carne asada soían deixala ara para o final para que fora o que sobrara, porque logo tomábana fría, á noite cando viñan do baile ou mesmo no descanso da orquestra se vivían perto do campo da festa, ou ó día seguinte.
A carne que asaban era do animal que sacrificaran para a ocasión ou carne de cucho que mercaban nas carnicerías, pois rara era a familia que se podía permitir matar un.
A carne asada acompañábse de patacas pequenas douradas; presentábase moitas veces na mesma cazola de barro que se empregara para a súa preparación; unha fuente grande con ensalada de leituga e tomate e outra con pementos de Padrón poñíanse no centro da mesa.
Non podía faltar o pan de molete.
Na sobremesa ofrecían arroz con leite, queixo con mermelo, biscoito, brazo de zigano ou rosca, estes encargados na panadería aínda lle levaban á panadeira os ovos da casa; o tamaño do biscoito, do brazo de zigano ou da rosca medíase pola cantidade de ovos que levara.
Para rematar: café de pota e copas de caña, de anís ou de coñá.
O costume de comer marisco é máis recente.
Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Pola festa do noso barrio era típico comer a cabra. As mulleres adobabana na casa á súa maneira e logo levábana a cocer ó forno de leña. Algunhas viciñas teñen rifado en máis dunha ocasiónco panadeiro ou coa súa muller porque se esnaquizara a cazola co calos do forno ou porque a algunha lla dera trabucada...
"Tamén levaban a cocer empanadas porque dicían que a comida feita no forno de leña sabía millor que a que se cociñaba na cociña de gas...
No hay comentarios:
Publicar un comentario