lunes, 2 de agosto de 2010

A leña

Meu neno pequeniño,
¿quen che ha de dar a teta?
Teu pai vai no muíño,
túa nai na leña seca
di a copla popular e efectivamente facer acopio de leña, tanto para cociñar coma para quentarse era un labor fundamental para a familia no que participaban homes, mulleres e ata os nenos, facendo cada un o seu papel.
Este traballo realizábase principalmente no verán, antes de que chegaran as primeiras choivas.
Recollíanse fentos para chamusca-lo porco; toxo, ademais de para estra-las cortes, para quenta-lo forno; faísca e piñas para prende-lo lume;
Os fentos apañábanse co fouciño ou coa fouce e tanto o facían os homes como as mulleres; o toxo coa fouce e era un traballo masculino; a faísca apañábase co angazo, cousa que facían sobre todo elas e as piñas soían recollelas os nenos e as nenas, cargándoas en sacos, en cestas ou cestos, segundo a idade e a forza que tiveran.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Na lareira o lume prendíase con mistos e faísca; ás veces deixábase un rescoldo desde a mañán; queimábase todo: piñas, candenlos, leña de pino, de carballo, cachopas, os restos de poda-las viñas ou calquera outra árbore e parte dos resíduos (teas, papeis, cartóns... Os restos das comidas empregábanse para a alimentación animal ou misturábanse co estrume para facer abono...
As cociñas de ferro requerían leña de máis calidade: piñas e hachas. Para economizar en moitas casas das aldeas, mantíñase a lareira para preparar o rancho dos animais e reservábase a bibaína para a comida familiar...

Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados coa leña:
  1. A lume de carozo;
  2. Botarlle leña ó lume;
  3. Facer leña da árbore caída;
  4. Ir á leña ó monte;
  5. Levar unha leña; tb. "darlle unha leña (a alguén)";
  6. Non gañar nenpara leña;
  7. Onde houbo lume sempre queda un rescoldo;
  8. Polo fume sábese onde está o lume;
  9. Xente nova e leña verde, todo é fume;

No hay comentarios:

Publicar un comentario