Os laranxeiros tiñan máis unha función ornamental que práctica e, nalgúns casos, representaban o abolengo familiar (pasado ou presente).
Xa fun a Marín,
xa pasei o mar,
xa comín laranxas
do teu laranxal.
Para consumir mercábanas e o seu consumo estaba limitado no mundo rural ás persoas delicadas de saúde, ós vellos e ós cativos; de aí que foran un froto moi prezado, tanto as laranxas comas as mandarinas. Eran un obsequio moi socorrido cando se ía visitar a unha persoa de idade avanzada, a un enfermo ou covalecente.
Sobre as laranxas tamén existían tabús: "por la mañana, oro; al medio día, plata; y a la noche, mata"; nen se tomaban laranxas pola noite, nen se mesturaba a súa inxesta coa de productos lácteos; tampouco as tomaban as mulleres durante a menstruación ou a dieta;máis ben se tomaban a media mañán ou na sobremesa, antes de comer o caldo, porque os máis vellos reservábano para o final do xantar.
Non se facía zume, salvo en contadas ocasións, senón que se comía a laranxa enteira, mondada, claro está, de xeito que, ademais de vitamina C, aportaba fibra.
As mondas da laranxa empregábanse como aromatizantes para a elaboración de postres ou de licores, neste caso deixándoas macerar un tempo.
Non chas quero, non chas quero,
laranxas do teu laranxal,
non chas quero, non chas quero,
que me poiden facer mal.
Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Cando era nena tiña prohibido pedir cousas de comer, agás pan ou as froitas das nosas árbores,diante dos outros rapaces, porque non lle podiamos dar a todos e miña nai dicía que non se debía comer diante doutras persoas se non se lles convidaba.
"Na nosa casa había laranxas, plátanos, galletas, figos e uvas pasas e outras golosiñas que os nenos cobizaban, aínda que foran de casas ricas, porque nas tabernas pequenas nonas vendían, agás pola festa ou no Nadal. Traíanllas a miña avoa porque estaba impedida...
No hay comentarios:
Publicar un comentario