miércoles, 11 de agosto de 2010

Ditos relacionados coa gastronomía (5)


  1. As vodas de Camacho: comida abondante e de calidade;
  2. Carto gañado, carto papado: dise dunha prsoa que non aforra, que o gasta tofo;
  3. Comer de campo: comer ó aire libre con motivo dunha romería ou dunha excursión;
  4. Estar coma un espárrago: estar moi fraco;
  5. Estar sen probar bocado: estar en aunas, non ter comido nada nun certo tempo;
  6. Facer rancho aparte: separarse dun grupo (familiar, laboral, social...) ó que se perteñece para compartir información ou privilexios que lle son negados á maioría; o dito provén da vida militar, porque o rancho era a comida que se lle servía á tropa, escasa e malamente condimentada egundo a opinión máis xeneralizada;de feito, ata os anos 70, os mozos que estaban no Servizo Militar levaban provisións das súas casas ou cartos pra mercar alimentos fóra do cuartel, que soían compartir cos compañeiros máis achegados, pero ás agochadas dos seus mandos; hoxe usamo-la expresión "a ese hai que botarlle de comer aparte" para referirnos a unha persoa que non se adapta ás normas que segue a maioría;
  7. Facerlle o caldo gordo a alguén: conquistar a unha persoa sen reparar nos medios empregados, tanto desde o ponto de vista legal coma ético; facer caír a unha persoa nunha trampa empregando métodos sibilinos; hai unha expresión sinónima que apuro se emprega na actualidade "encestalo", que non ten nada que ver coa cancha de baloncesto, senón con "facerlle o cesto", dito tamén dafala popular que indica un xeito de cmportarse cunha persoa rodeándoa sutilmente de comodidades, "estar coma un rei nunha cesta", ó mesmo que se limita a súa libertade e a súa independencia;
  8. Lavadura: restos de comida que se destiñan ó consumo animal; comida que se prepara para os porcos consistente en verdura escaldada e misturada con salvado;
  9. Morrer coa sede: sentir ansia imperiosa de beber;
  10. Naranjas de la China: expresión que escoitei sempre en castelá, aínda que a empregaran os galegofalantes, co siñificado de "ca, diso nada", non é certo, posibel ou verosímile;
  11. Non ter paladar: non apreciar os sabores das comidas; non ter gosto para escoller;
  12. O coche come con un á mesa: quere dicir que, ademais da súa compra, o coche ocasiona uns gastos diarios (combustible, aparcadoiro, seguro, impostos) que debemos ter en conta antes de mercalo;
  13. Paladear: saborear, probar, catar;
  14. Picnic: comida campestre; palabra inglesa, en francés é pique-nique;
  15. Poñe-la mesa: dispor os utensilios para comer, pratos, vasos, coitelos, garfios, culleres...; era un labor que aprendían a facer as nenas, case desde pequenas, non así os seus irmás varóns;
  16. Por un prato de lentellas: por pouca cousa; as lentellas en Galicia eran consideradas un producto case marxinal, para os pobres, porque se descoñecía o seu valor nutritivo; o dito ten a súa orixe nun relato bíblico;
  17. Rancho: porquiño pequeno; comida para moita xente, especialmente nos cuarteis;
  18. Servir á mesa: acarrexar e repartir os alimentos que se4 van tomar; nas casas nas que non había servizo doméstico facíao a ama da casa ou algunhas das fillas máis vellas;
  19. Son fabas contadas: dise dun negocio que produce un escaso beneficio ou uns ingresos reducidos;
  20. ¡Teñámo-la festa en paz!: non rifemos, non discutamos; non era raro que nas comidas das festas, nas que se reunía a familia extensa, houbera reproches e liortas, principalmente por mor das herdanzas; dispois e comer e beber en abondancia, algún non podía reprimir as súas queixas;
  21. Ter mans de manteiga: dise dunha persoa á que se lle caen con frecuencia as cousas das mans, utensilios ded cociña, por exemplo, ou que ten pouca forza para abrir ou pechar correctamente un recipiente;
  22. Ter unha empanada mental: estar confuso; ter moita información sen saber moi ben como empregala;

No hay comentarios:

Publicar un comentario