Mostrando entradas con la etiqueta festas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta festas. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de agosto de 2010

Os Diarios de Mariana Canabal

"Conta miña nai que os seus irmáns máis vellos foran á festa á casa dos avós paternos, na parroquia de A.M. Despois de comer en abondancia e dunha longa sobremesa, foron ó baile no que se atoparon cun amigo, tamén convidado nunha casa da mesma parroquia, pero ó que non agasallaran con tanta fartura; así que, rematada a troula, decidiron que iría con meus tíos a despedirse da familia, pois sabendo que aínda terían que andar máis dunha hora para volver á casa e que sobrara comida bastante, nonos deixarían marchar sen tomar nada.
"En efecto, nada máis entraren pola porta, ofrecéronlle de cear; meus tíos agradeceron cerimoniosamente a oferta, pero dixeron que non querían tomar nada porque o xantar fora abondante por demais; o seu amigo, en cambio, aceptou de bon grado coidando que lle ofrecerían algunha tallada que sobrara do mediodía, mais, para a súa sorpresa, manifestamente contrariada, díxolle a unha das fillas: -¡Pon o pucheiro ó lume para ferver auga e facerlle unhas sopas a este mozo! Ó escoitar tal cousa, o mozo sénteuse bulrado e apresurouse a dicir que en realidade non quería nada, que só manifestara o contrario por educación.
"¡Desde logo, o amigo dos meus tíos non tiña un día de sorte!...

domingo, 8 de agosto de 2010

As comidas das festas (2)

Os convidados á festa eran os festeiros. Para chamar á festa seguíanse unhas complexas normas protocolarias non escritas, pero seguidas minuciosamente polos paisanos.
Estas normas estaban basadas fundamentalmente nos sistemas de parentesco:
- sanguíneo;
- político (por matrimonio);
- espiritual (padriños e afillados);
Ós festeiros convidábaselles a festa dun xeito persoal; con certa anticipación o home da casa, case sempre á noitiña ía expresamente á casa dos seus parentes para "chamalos"; dábase por feito que esta invitación era extensiva a tódalas persoas da cas, se ben na práctica nunca ían todos; por suposto non acodían os que estiveran de loito recente; se o loito era por algún da casa ou parente en primeiro grao falecido no último ano, xa non se lles chamaba; tampouco ían as muleres que estiveran dándolle de mamar ó fillo e, por último sempre quedaba alguén na casa para atender ós animais (muxi-las vacas, darlle de comer ós porcos...), ós vellos ou ós enfermos.
Como a invitación era recíproca, cada familia tiña en conta o número de persoas da outra que acodiran na derradeira ocasión á súa festa.
Se a familia convidada tiña un parentesco político (por matrimonio), o número de persoas que acodían era máis reducido que se o parentesco era sanguíneo.
Se o parentesco era espiritual (padriños e afillados), só se entendía a invitación para o interesado e un acompañante.
Un mozo non ía á festa acompañado da súa moza nen ó revés se non tiñan posto o casamento, e aínda así, tanto un coma a outra soía facerse acompañar dun irmán ou doutra persoa da casa.
Pero como non era raro que un mozo e un ha moza tiveran familiares na mesma parroquia, cada un ía á casa dos seus parentes para coincidir logo no baile.
Á festa tamén podían convidar a algunha persoa coa que non tiveran parentesco, pero tiña que ser alguédn co que houbera moita confianza.
O que ía á festa a unha casa contraía o compromiso ímplicito de convidar á súa cado estivera de festa.
Á hora de dicidir que persoas da familia irían á festa a outra casa, tamén tiñan en conta as idades e o interés ou non de emparentar ou non na parroquia que se visitaba. Se tiñan interés por emparentar mandaban ós mozos e se non ían os máis vellos.

Todos estes costumes facían que nas casas se xuntaran moitas persoas, co conseguinte gasto en comida e bebida. Pouco a pouco a celebración das festas patronais foi decaíndo en beneficio doutras celebracións de carácter máis persoal: cumpleanos, aniversarios de voda, primeiras comnións, bautizos, etc.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Soían chegar á media mañán, estreando calzado e roupa ou, polo menos, ataviados cos millores traxes que tiveran; se estaban de loito non podían ir á festa.
"A partires de mediados dos anos 60, despois do Concilio Vaticano II, cando se modificaron as normas sobre o tempo que debía pasar desde a última inxesta de alimentos ata a Comunión, ofrecíaselles un tentempé, antes non, porque non se podía comulgar ata pasadas tres horas.
Ían á misa cantada coa familia que os convidara, participaban no baile da saída da misa e logo xantaban durante horas; tamén ían ó baile da noite a despois a cear á casa na que estaban convidados; logo uns marchaban durmir á súa e outros quedaban para o outro día...

viernes, 6 de agosto de 2010

As comidas das festas


As festas patronais celebrábanse unha vez ó ano e soían durar tres días; o primeiro estaba adicado ó santo patrono da parroquia (San Antonio, San Xoán, San Pedro, a Virxe do Carme, A Nosa Señora e outros menos frecuentes coma San Mateo, San Bartolomé, San Verísimo ou Santa Catarina); o segundo día celebrábase o Santísimo Sacramento, a non ser que a patrona fora Santa María que, nese caso en moitos sitios celebraban o San Roque; o terceiro día variaba dunhas parroquias a outras, pero era relativamente frecuente honrar a San Antonio se nono fixeran no seu día (13 de xuño).
Convidaban ós familiares que residían noutras parroquias e non estiveran en festa. Se só tiñan familiares na mesma paroquia facían unha sorte de intercambio para iren xantar uns á casa dos outros.
Se as festas eran no mes de agosto, feito bastante común, acodían algúns dos familiares da emigración.
Aínda que se tratara de familias humildes, todos preparaban a festa o millor que podían:
- limpaban a casa con esmero, facían algúns arreglos se era preciso, caleaban...
- lavaban os xergóns, as mantas, colchas...
- estreaban roupa e zapatos novos que meraban ou mandaban facer á costureira;
- sacrificaban animais que tiñan cebados e reservados para a ocasión: cabrito, cabra, carneiro, capóns, polos...

O primeiro día da festa facían varios pratos en abondancia: callos, cocido, arroces (con carne, coello, berberechos, ameixas...)
A carne asada soían deixala ara para o final para que fora o que sobrara, porque logo tomábana fría, á noite cando viñan do baile ou mesmo no descanso da orquestra se vivían perto do campo da festa, ou ó día seguinte.
A carne que asaban era do animal que sacrificaran para a ocasión ou carne de cucho que mercaban nas carnicerías, pois rara era a familia que se podía permitir matar un.
A carne asada acompañábse de patacas pequenas douradas; presentábase moitas veces na mesma cazola de barro que se empregara para a súa preparación; unha fuente grande con ensalada de leituga e tomate e outra con pementos de Padrón poñíanse no centro da mesa.
Non podía faltar o pan de molete.
Na sobremesa ofrecían arroz con leite, queixo con mermelo, biscoito, brazo de zigano ou rosca, estes encargados na panadería aínda lle levaban á panadeira os ovos da casa; o tamaño do biscoito, do brazo de zigano ou da rosca medíase pola cantidade de ovos que levara.
Para rematar: café de pota e copas de caña, de anís ou de coñá.
O costume de comer marisco é máis recente.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Pola festa do noso barrio era típico comer a cabra. As mulleres adobabana na casa á súa maneira e logo levábana a cocer ó forno de leña. Algunhas viciñas teñen rifado en máis dunha ocasiónco panadeiro ou coa súa muller porque se esnaquizara a cazola co calos do forno ou porque a algunha lla dera trabucada...
"Tamén levaban a cocer empanadas porque dicían que a comida feita no forno de leña sabía millor que a que se cociñaba na cociña de gas...