jueves, 21 de octubre de 2010

O mel


En tódalas localidades había algunha familia que tiña cortizos ou cortizas para a cría de abellas.
O termo enxamio reservábase para as colonias destes insectos no seu estado natural ou que saían dun cortizo polo nacemento dunha nova raíña.
Nestes casos os paisanos seguían a lei non escrita de que o enxamio era de quen o collera. Para collelo empregaban unha saba branca na que pousaban as abellas, "guiadas" polo son producido ó bater un pau contra outro perto da saba.
Non era frecuente que se produciran picaduras do insecto ó levar a cabo esta tarefa, pero si cando alguén por curiosidade ou imprudencia os molestaba.

Dos cortizos sacaban a cera, que empregaban para alumearse e que xogaba un papel moi importante na liturxia católica, e o mel, que utilizaban tanto con fins terapéuticos (misturado con zume de limón para os males da gorxa, só para cura-la tos...), coma gastronómicos.
Hoxe os cortizos foron sustituídos por materiais industriais; a apicultura pasou de ser unha actividade marxinal a unha actividade económica estrictamente regulada que podería ser moito máis rentable se se coidaran a súa comercialización e a súa promoción.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"P. do T., que era un mozo feito e dereito, foi escarabellar nun enxamio e picárono as abellas. Estaba feito un lázaro e ninguén daba unha perra pola súa vida.
"O compoñedor da aldae acodiulle, espíuno e meteuno nunha tinalla, das que se empregaban para esmaga-las uvas e pideulle ós viciños que muxiran as vacas e trouxeran todo o leite que poideran para enche-la tinalla, de xeito que a P. do T. só lle asomaba a cabeza por riba do leite.
"Salvouse e apuro lle quedaron cicatrices deste episodio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario