Teño tres pitas brancas
e un galo negro
que han de poñer bos ovos
andando o tempo;
i-hei de vendelos caros
polo Xaneiro.
i-hei de xunta-los cartos
para un mantelo,
i-heino de levar posto
no casamento,
i-hei... —Pois mira, Marica,
vai por un neto
que entrementres non quitas
eses cerellos,
e as pitas van medrando
co galo negro,
para poñer os ovos,
e todo aquelo
do Xaneiro, dos cartos,
e o casamento,
miña prenda da alma,
¡vamos bebendo!
Rosalia de Castro, "Follas novas", 1880
No hay comentarios:
Publicar un comentario