Pasou de facerse na casa de xeito artesanal a ser un producto industrial, pero actualmente vólvese a valorar o cocido en forno de leña e o seu consumo repunta recuperando o terreo perdido frente ás galletas, croissants e bollería en xeral, por ser máis saudable desde o ponto de vista dietético, xa que non contén zucre, graxas, colorantes nen conservantes.
Conviven moitos tipos e variedade de pezas: con sal e sen sal, con noces ou pasas, integral...; bolas, moletes, bolos, barras...
O oficio de panadeiro, entendido en sentido estricto, é dicir como persoa que vive de face-lo pan, é exercido, desde hai décadas, tanto por homes como por mulleres, coa mesma eficacia e valoración social.
O pan máis afamado era o de Cea, na provincia de Ourense, e o de Carballo, na provincia da Coruña.
O pan nunca se tiraba ó lixo: comíase reseso, facíanse farangullas, tortilla, torrixas, riábase, dábaselles ás galiñas, ás pombas... e se non se tiñan animais, gardábaselle para algunha viciña que os tivera; mesmo había persoas que ían polas casas a recollelo unha vez por semá.
Léxico:
- Bola: peza de pan arredondeada e baixa;
- Bolo: peza de pan alongada, alta e sen pirucho;
- Broa: borona, brona, bola de pan de millo;
- Formento: levadura para face-lo pan;
- Maquía: cantidade de grao ou de fariña que recibía o dono do muíño proporcional á cantidade moída;
- Miolo: miga do pan; parte central dun discurso;
- Miolos: sesos;
- Muiñada: cantidade de fariña que se obtén nunha quenda do muíño;
- Muíño de ferrado: o dereito a utiliza-lo muíño pagábase anualmente por ferrados de grao;
- O pan de Carballo: tiña fama da ser un dos millores, xunto co de Cea;
- Óleo: fariña de trigo, a máis fina; empregábase para facerlle papas ós nenos máis pequenos, ós vellos e ás persoas convalecentes;
- Panceira: persoa á que lle gosta moito o pan;
- Picatostes: taquiños de pan fridos para acompañar o chiculate, o gazpacho ou as cremas;
- Regueifa: molete de pan que nas vodas se repartía entre a mocidade; canto e baile en torno ó molete; desafío;
- Regueifeiro: persoa con facilidade para improvisar coplas de desafío;
Bote a regueifa, madriña,
pola folla da espadana,
se non colle pola porta,
bótea pola ventana.
(Copla tradicional)
- A boa fame non hai pan duro:
- A falta de pan...: o dito completo é "a falta de pan, boas son tortas";
- Andar coa fariña: traficar con drogas, principalmente cocaína;
- As penas con pan son menos;
- Bailar no aro dunha peneira: estar ledo;
- Cambiarás de muiñeiro, pero non de ladrón:
- Coller (a alguén) coas mans na masa:
- Come-lo pan podre e o viño vinagre: indica miseria, pobreza extrema; (a expresión emprégaa Xenaro Mariñas);
- Comer sen pan, así fan os golosos: dito que teño escoitado moitas veces; a verdade é que os galagos estamos acostumados a comer pan con todo; hai quen o toma incluso co marisco ou coa pasta;
- Con pan e viño ándase o camiño:
- Estar a pan e auga: estar castigado; tamén de emprega cando a muller se nega a ter relacións sexuais co seu home, pero non se emprega nunca ó revés;
- Facíalle máis falta que o pan de comer: éralle moi necesario, precisábao; o pan é o alimento por excelencia, tanto no plano real coma no simbólico;
- Gaña-lo pan: traballar, realizar un esforzo;
- Gaña-lo pan co suor da fronte: maldición bíblica con motivo da expulsión de Adán e Eva do Paradiso pola que o home debe traballar para procurarse o sustento;
- Meterse en fariña:
- Negarlle a alguén o pan e o sal: non sentir nen a máis mínima compasión por esa persoa; mostrarse implacable con ela. Coido que a orixe da expresió é xudea ou cando menos oriental polo valor que os pobos do deserto lle dan ó sal ó non resultarlle doado conquerilo;
- Non caberlle o pan no corpo: non poder gardar un segredo, buscar inmediatamente unha explicación para algo que lle preocupa;
- Non estar o forno para bolos:
- Non gañar nen para pan: obter un beneficio moi escaso;
- Non só de pan vive o home: sentencia bíblica; cando un galego emprega esta expresión está lembrando as necesidades espirituais (culturais, sociais e afectivas) da persoa e considerándoas tan básicas coma as naturais (comer, durmir, relacionarse sexualmente);
- Non teñen para pan e mercan estampas: para indicar unha mala administración dos escasos resursos;
- O pan noso de cada día: algo mooi frecuente, habitual;
- O pan pide o compango:
- O queixo pide o pan:
- Pan con pan, comida de tontos;
- Pan y queso saben a beso:
- Peneirar: zurrar;
- Polo pan baila o can, e polo carto se está farto:
- Por un anaco de pan ou por unha miga de pan: comprar ou vender por moi pouco prezo, por debaixo do seu valor;
- Se fora pan, quitábasmo da boca: dise cando nha persoa expresa verbalmente o que a outra estaba pensando;
- Ser o pan noso de cada día: ser algo habitual, cotiá;
- Ser pan para hoxe e fame para mañán;
- Traballo feito non pide pan:
- Vale máis pan duro que figo maduro;
Coplas:
Ó muíño de meu/teu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo;
cando está baixo, erguelo.
Unha noite no muíño,
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.
A muiñeira da costa de Meira
de día moe e de noite peneira;
nunca se víu cosa coma ela,
peneirar toda a noite sen vela.
A miña burriña cando vai ó muíño
vai toda enfatriñada, cheíña de frío;
cheíña de frío e máis de xiada;
a miña burriña sempre vai cargada.
Miña nai doume unha tunda
co aro dunha peneira;
teña vergonza, mi-madre,
que ven a xente da feira.
Maruxiña do forneiro,
se é que coces faime un bolo;
se mo fas, faimo de trigo
que eu de millo non cho como.
Franco, danos pan branco,
que de serrín xa no lo daba Negrín,
reclamaban en Barcelona ó rematar a Guerra Civil española.
Tabús:
Non se debía comer o pan quente e moito menos beber auga despois.
No hay comentarios:
Publicar un comentario