jueves, 24 de junio de 2010

O traballo da muller rural na cociña (2)


Nas familias pequenas ás máis das veces non era posible que unha muller se adicara en exclusiva á tarefa de facer de comer, senón que debía compartir este labor co traballo nas leiras.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:

Ás doce tocaba a campá para o rezo do Ánxelus, os paisanos detíanse, os homes e os rapaces quitaban os puchos e todos escoitaban as bateladas coa cabeza baixa, apoiándose nos mangos das ligoñas ou das forquitas; algúns santiguábanse e as mulleres rezaban. O mesmo acontecía se estaban lavando no río ou no lavadeiro público ou se andaban ó toxo ou á leña no monte.
Ó pouco, unha das mulleres do grupo marchaba con ansia: era o momento de ir á casa, prende-lo lume, pañar a verdura para os animais e recoller algúns productos da horta (pementos, tomates, xudías, leituga, chícharos...), segundo a tempada, para dispor o xantar. Despois dun anaco, as chimeneas comezaban a fumear.
Unha hora máis tarde pitaba a serea da fábrica e todos se dirixían ós seus fogares...

No hay comentarios:

Publicar un comentario