martes, 15 de junio de 2010

A matanza do porco (2)


Os chourizos:
Fanse coas tripas delgadas, que se enchen de zorza e logo póñense a curar afumándoos con loureiro; tamén había o costume de metelos nunha ola de barro con mateiga de porco para conservalos; actualmente envásanse ó vacío. Era un labor case exclusivamente feminino. Na provincia de Ourense fan tamén chourizos que chaman de cebola.


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Dos sabores da miña infancia recordo o dos chourizos, ós que, según din, cando comecei a falar chamaba "chivos", que se conservaban nunha ola de barro con
manteiga de porco.
Gardábanse ara o verán, para a época de máis traballo no campo. Comíanse ás once ou á menda cun anaco de pan de molete que, ó apretalo contra o chourizo, se impregnaba da prebe abermellada por mor do pementón...

As morcillas:
Fanse coas tripas gordas. En Galicia a morcilla é doce, feita a base de miga de pan e piñóns. Non se deixan a curar, nen se afuman, senón que se cocen, perforando a tripa de vez en cando cunha agulla de calcetar para eliminar o sangue sobrante, cando deixan de sangar, están cocidas. Era tamén un labor das mulleres. Pártese en toros e frítese na tixola para consumila.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
A matanza para os nenos era unha festa; os adultos non querían que observaramos como se sacrificaba o porco, así que, como iso se facía pola mañá cediño, ese día podiamos quedar no leito un pouco máis do habitual. Coma os nosos pais e avós estaban moi ocupados, percuraban "desfacerse" de nós; dábannos para comer, tanto no almorzo, coma no xantar ou á cea, aquilo que máis nos gostaba para non teren que pelexar connosco e o resto do tempo tiñamos libertade para ir xogar cos nenos viciños, sen preocuparse de se luxabamo-la roupa, mollabamo-los pés ou saíamos dos límites que nos tiñan asignados. Tampouco se preocupaban de deitarnos ata que caiamos rendidos.
Meu primo, que era máis novo ca min, aproveitaba para facer rabiar á avoa agochándolle o bastón ou poñéndollo onde ela nono poidera acadar, sabendo que nesta ocasión se libraría das chaparretas de súa nai; eu aproveitaba para ir xogar cos nenos viciños ás súas eiras ou atravesa-la veiga ata a carballeira para percurarme carolos dos carballos cos que xogar ó guá...

No hay comentarios:

Publicar un comentario