martes, 6 de julio de 2010

Pesos e medidas


Hai que distinguir entre as medidas empregadas á hora de vender e de mercar e as utilizadas á hora de cociñar. No tocantes ás primeiras, a pesares da xeneralización do Sistema Internacional de Medidas (gramos e kilogramos para os pesos e litros para a capacidade), aínda perduran outros, sen dúbida pola súa funcionalidade.
  • Centos e medios centos: contábanse por centos e medios centos os pementos de Padrón (aínda agora), as xoubas e os manueliños;
  • Cuarterón: para o café e o tabaco;
  • Cuartillo e medio cuartillo (3): para líquidos coma o viño, a caña, o vinagre;
  • Ducias e medias ducias: os ovos, mariscos como as nécoras, mazás, peras...
  • Fanegas: para cantidades grandes de graos; unha fanega son 4 ou 5 ferrados;
  • Ferrado e medio ferrado (1): eran as medidas máis frecuentes para os graos (trigo, centeo, millo, fabas...);
  • Libra e media libra: o chiculate, zucre, arroz e pastas;
  • Ola e media ola: era a medida para o viño, a caña e, ás veces, o aceite;
  • Quintal(2): empregábase para o sal, a fariña, patacas, castañas, etc. Equivale a 50 ou 60 kilos e non hai que confundilo co quintal métrico (100 kilos);
(1) O ferrado, tamén chamado tego, como medida de capacidade equivalía a entre 12 e 20 kilos, segundo as zoas; tamén era unha medida de superficie equivalente a entre 400 e 600 metros cuadrados, segundo as zoas;
(2) Pesa un quintal, dicíase de algo que pesaba moito;
(3) O cuartillo é tamén unha medida de superficie;

Os productos dos que se mercaban pequenas cantidades pedíanse polo valor que se quería gastar dacordo coas moedas de cada época. Exemplos:
Un patacón de saín (graxa que se extraía das sardiñas e outros peixes e que se empregaba para alumear);
Unha perra chica de pemento;
Unha perra gorda, un can, un real...

Os allos e as cebolas vendíanse por restras;
A manteiga por pencas;
Dito:
Empeñados por un cento, empeñados por cento e medio;

Copla:
Os homiños que hai agora
son poucos e valen menos;
vai o cento a catro cartos
coma os xurelos pequenos.

O sistema de contar por centos e medios centos, ducias e medias ducias conviveu durante certo tempo co sistema de pesar por kilos e medios kilos, sendo empregado sobre todo polos vendedores ocasionais que non dispoñían de pesas e balanzas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario