Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados co viño:
Abondan as expresións relacionadas coa inxesta excesiva de viño e os seus efectos, así como cos comportamentos das persoas ebrias.- A arrancadeira: a última taza de viño que se tomaba nunha taberna; tamén se dicía "a penúltima" porque pedir a derradeira, segundo os bebedores, daba mala sorte;
- Achispado: lixeiramente ebrio; contento;
- Alpiste: bebida alcohólica, principalmente viño ou caña;
- Bautiza-lo viño: engadirlle auga; adulteralo para obter un maior beneficio;
- Canto peor é o viño, millor é a caña: dise moito da comarca do Ulla;
- Coller unha cogorza: emborracharse;
- Coller unha petenera: embriagarse, beber en exceso;;
- Con pan e viño ándase o camiño;
- Darlle ó alpiste: beber en exceso, embriagarse;
- Empinar o cóbado;
- Empiparse;
- Era o viño o que falaba por el: expresaba sentimentos e ideas que non sería capaz de deixar que afloraran, por recato ou educación, estando sobrio;
- Estar trompa: estar ebrio; por iso á rúa do Franco, en Santiago de Compostela, lle chaman "a senda dos elefantes";
- Gasta en festas e viño o que lle has de deixar ós sobriños;
- O beber quita o comer;
- O borracho solta o que ten no papo: refírese ós efectos desinhibidores do alcohol;
- Ó catarro dalle co xarro;
- O comer pide o beber;
- O que o saiba beber ten que sabelo mexar: refírese a aquelas persoas que, ó beber alcohol en exceso, vólvense agresivas ou, simplemente fáltanlle ó respeto ós de mais;
- Parroquianos: clientes habituais dunha taberna; ter moita parroquia era ter moitos clientes;
- Polo San Martiño avilla o teu viño: San Martiño celébrase o 11 de novembro;
- Polo San Martiño avilla o teu viño e mata o teu porquiño;
- Poñerse contento: beber en exceso, embriagarse;
- Sopas de pan e viño quente fan ó home valente;
- Ter unha curda: estar ebrio;
Manoliño foi ó viño,
rompeu o xerro no camiño,
pobre xerro, pobre viño,
pobre cú de Manoliño,
aprendíanlle as avoas ós nenos máis pequenos. Castelao adícalle un dos seus debuxos a esta retahíla.
Coplas:
Pra sardiñas frescas, Vigo;
pra bo viño, Ribadavia;
e pra mulleres bonitas
Ourense que ten a fama.
Os cregos e os taberneiros
teñen moito paracido:
os cregos bautizan nenos
e os taberneiros o viño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario