"Nas aldeas ós xornaleiros dábaselles a mesma comida ou, incluso, millor que a que tomaba a familia da casa.
"Á hora do almorzo soían separarse por xénero; os homes tomaban café de pota e unha copa de augardente cun anaco e pan; as mulleres tomaban cascarilla, leite ou caldo;
"As once tomábanas todos xuntos, xornaleiros e propietarios, no campo ou veiga na que estiveran traballando: pan de molete, touciño curado, chourizos, bacallao rebozado, queixo..., e bebían viño. Unha das mulleres a casa encargábase de levalo todo nun cesto o nunha cesta, segundo a cantidade que fora precisa e no seu debido tempo.
"O xantar tamén ra compartido; se eran moitos e non había sitio dabondo para todos na cociña ou se era tempo de moita calor, improvisaban unhas mesas debaixo da viña ou nun cuberto para os xornaleiros e xornaleiras e con eles comían os homes da casa; noutros casos dividíanse por xéneros e as mulleres, tanto da familia coma xornaleiras, permañecían dentro da casa, mentres que ós homes servíaselles fóra.
"Se se trataba de costureiras, xastres, carpinteiros, tecelás, zoqueiros..., dábanlle, ademais das millores talladas que tiveran para a familia, ovos e chourizos fritidos ou tortilla de patacas con torreznos de touciño.
"Ós criados e criadas, salvo contadas excecións, tampouco os soían desprezar á hora de comer, porque sabían ue, para realizar os traballos que requerían un considerable esforzo físico, debían estar ben mantidos. Por outra banda, escatimarlle a comida ós criados e criadas estaba mal considerado socialmente...
Pola contra, nas vilas e cidades, segundo os testimonios doutros informantes, non sempre se lles daba un trato equiparable ó da familia e o feito de non sentalos á mesma mesa na que comía esta, con independencia de que os manxares foran os mesmos ou non, constituía unha sorte de humillación para os que estaban acostumados ós usos rurais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario