"As malas colleitas ou as pestes, que afectaban a toda unha comarca, facían insuficientes os recursos da solidariedade veciñal e obrigaban, primeiro ós homes e ás mulleres máis novos, con forza para traballar, a acodir a outras comarcas para ofrecerse coma xornaleiros ou criados, e ós vellos e ós nenos a "botarse a pedir" en busca dalgún sustento.
"A estas persoas non se lles consideraba mendiños propiamente ditos e, na meirande parte dos casos, pasada a "mala racha", volvían retomar a súa vida habitual.
"Os mendiños eran profesionais", é dicir, chegaban a converter o feito de pedir e de ir dun lado para outro no seu modo de vida, pero non vencellados coa delincuencia, nen co consumo de drogas, o trato que se lles daba era de confianza. Nalgunhas casas incluso se lles sentaba á mesa, dábaselles unha manta para que durmiran no pallote e pan e viño para volvera camiñar ó día seguinte. En canto ó consumo abusivo de alcol e ós presuntos casos de prostitución, a sociedade tradicional galega amosaba certa tolerancia, se non implicaban graves conflictos de convivencia.
"Os que pedían ocasionalmente preferían como dádivas espigas de millo, grao de trigo ou de centeo, patacas, fabas e touciño e, se acaso unha taza de caldo e/ou unha copa de caña para recuperar forzas para o camiño. Os mendiños preferían algo para comer in situ, acobillo para unha noite e algo para almorzar ó día seguinte.
Recomendamos para os que sintan interés por esta cuestión a lectura de "Divinas palabras", de Ramón María del Valle-Inclán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario