martes, 3 de agosto de 2010

O leite (3)

As leiteiras:
Ás vilas e cidades acodían tódalas mañáns as leiteiras coas súas caldeiretas na cabeza. Algunhas, ademáis do leite traían ovos, algunha botella de caña, mel e outros productos da súa propia colleita en pequenas cantidades e exclusivamente para determiñadas casas que tiñan por costume mercarllos.
A Santiago de Compostela viñan a pé desde Angrois, Aríns, Santa Lucía e, sobre todo, desde o concello de Teo. Nos anos 60, algunhas traían as caldeiretas en burros que deixaban na rúa do Hórreo (frente ó Cuartel de Artillería, coñecido popularmente coma "A Veterinaria", onde estaba a fábrica de wolfram), outras deixábanos na praza de Cervantes.
Nos anos 70 motorizáronse, sendo das primeiras mulleres en obter o carné de conducir, o que ten o seu mérito porque algunhas apuro foran á escola, xa que este oficio que pasaba de nais a fillas e de avoas a netas, comezaba a exercerse case desde a infancia.
Tamén había leiteiros que percorrían as rúas das vilas repartindo o leite, pero a diferencia das mulleres facíano motorizados en carromatos ou camionetas e o leite nono vendían a granell, senón embotellado.
Na devandita cidade de Santiago foi moi popular Aurora Liste, irmá do dirixente político Enrique Lister, que continuou a repartir o leite co casco historico compostelano ata unha idade avanzada.
Este traballo dáballe unha certa independencia económica e persoal; un exemplo máis do papel da muller galega na microeconomía.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
As leiteiras eran tamén un vehículo de información e de transmisión de noticias entre uns e outros; tamén de rumores ou de chismes, todo dependá da discreción e da prudencia de cada unha...
"Había leiteiras que compartían este traballo co servizo doméstico por horas ou coa aprendizaxe dun oficio (costureiras, bordadoras, perruqueiras...); incluso, a comezos dos anos 70, coñecín a unha que cursaba estudos de maxisterio...
O leiteiro:
Ía nunha camioneta recollendo os bidóns do leite nos puntos nos que previamente os paisanos deixaran o contido das súas caldeiretas. Como facía un percorrido determiñado pasaba sempre aproximadamente á mesma hora, pola mañán cedo para recolle-lo leite da noite e ó mediodía para recollelo da mañán, porque as vacas múxense dúas veces ó día, (pola mañán cedo e á tardiña), así que se convertía nunha referencia temporal para os paisanos. "Xa pasou o leiteiro" dicían para indicar que era tarde.

As leiteirías:
Eran establecementos especializados na venta exclusiva de leite, só nas grandes cidades. Moitas delas estaban rexentadaspor emigrantes retornados de países iberoamericanos nos que se consumía gran cantidade de leite e por iso pensaban que podería ser un bo negocio aqui tamén, pero a cultura galega respecto do leite era moi diferente da de Cuba, Arxentina, Uruguai, Venezuela, México ou a República Dominicana e, finalmente, todas remataron por pechar ou transformarse en tendas ou cafeterías.

No hay comentarios:

Publicar un comentario