martes, 24 de agosto de 2010

As rogas

As rogas eran labores agrícolas nas que uns viciños axudaban ós outros; facíanse principalmente con ocasión da sementeira, da sega, da malla e da vendima.
Hei de ir á túa seitura,
hei de ir á túa segada;
hei de ir á túa seitura
que a miña vaiche acabada
di a copla tradicional.
A participación nas rogas tiña as súas normas non escritas e diferentes das dos traballos comunitarios. Nelas participaban principalmente os mozos e as mozas, tanto pola súa forza física, como polo feito de que a meirande parte das rogas remataban en troulas.

Unha variante das rogas era a solidariedade veciñal con aquelas familias que tiñan algunha ou algunhas leiras, en propiedade ou arrendadas, pero non tiñan vacas para tirar do carro, do arado ou da grade. Esta axuda viña dada pola vecindade (cando unha familia facía un labor nunha leira colindante, facíanlle o mesmo traballo) ou polos lazos de amizade ou parentesco (a familia que prestaba a axuda desplazábase a propósito para facer o labor). A familia que recibía a axuda correspondía traballando gratuitamente para a outra nas mesmas faenas que lle facilitaran.

Os traballos comunitarios, obrigatorios a diferencia das rogas nas que a participación era voluntaria, eran o sistema empregado para a millora de camiños, o mantenemento das pontes, a limpeza das fontes, construcción de lavadeiros, limpeza de montes comunais, etc.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Na nosa parroquia o que organizaba os traballos comunitarios era o cacique, que sempre se presentaba voluntario pasa asumir esta responsabilidade delegada do Alcalde para obter algún beneficio coma o de darlle prioridade ós labores de mellora dos accesos ós seus terreos ou sacar comisión da compra de materiais (pagados estes con fondos do Concello ou da Diputación), pero, sobre todo, o seu principal interés era o de trapichear coas listas nas que figuraban as persoas que debían realiza-los traballos, que el mesmo elaboraba e modificaba ó seu antollo.
"En xeral, nestes labores debía participar un home de cada casa, levando consigo a ferramenta ou a maquinaria necesaria para face-la tarefa que lle correspondera tendo en conta o seu oficio ou habilidade, se non era labrego. Pero o cacique incluía na súa lista a familias formadas só por mulleres, viúvas, nais solteiras ou casadas que tiñan o seu home fóra; iso si, informándoas de que podería libralas da obriga, non a cambio de favores sexuais, que é o que pode pensar o lector que chegou ata aquí, senón da realización dalgún traballo na súa propia casa ou, simplemente para que lle deberan o favor de por vida...
"Algunhas mulleres, dada a situación, preferían compartir cos homes estes labores comunitarios, mostrando así a súa disconformidade coas prácticas caciquiles...

No hay comentarios:

Publicar un comentario