domingo, 8 de agosto de 2010

As comidas das festas (2)

Os convidados á festa eran os festeiros. Para chamar á festa seguíanse unhas complexas normas protocolarias non escritas, pero seguidas minuciosamente polos paisanos.
Estas normas estaban basadas fundamentalmente nos sistemas de parentesco:
- sanguíneo;
- político (por matrimonio);
- espiritual (padriños e afillados);
Ós festeiros convidábaselles a festa dun xeito persoal; con certa anticipación o home da casa, case sempre á noitiña ía expresamente á casa dos seus parentes para "chamalos"; dábase por feito que esta invitación era extensiva a tódalas persoas da cas, se ben na práctica nunca ían todos; por suposto non acodían os que estiveran de loito recente; se o loito era por algún da casa ou parente en primeiro grao falecido no último ano, xa non se lles chamaba; tampouco ían as muleres que estiveran dándolle de mamar ó fillo e, por último sempre quedaba alguén na casa para atender ós animais (muxi-las vacas, darlle de comer ós porcos...), ós vellos ou ós enfermos.
Como a invitación era recíproca, cada familia tiña en conta o número de persoas da outra que acodiran na derradeira ocasión á súa festa.
Se a familia convidada tiña un parentesco político (por matrimonio), o número de persoas que acodían era máis reducido que se o parentesco era sanguíneo.
Se o parentesco era espiritual (padriños e afillados), só se entendía a invitación para o interesado e un acompañante.
Un mozo non ía á festa acompañado da súa moza nen ó revés se non tiñan posto o casamento, e aínda así, tanto un coma a outra soía facerse acompañar dun irmán ou doutra persoa da casa.
Pero como non era raro que un mozo e un ha moza tiveran familiares na mesma parroquia, cada un ía á casa dos seus parentes para coincidir logo no baile.
Á festa tamén podían convidar a algunha persoa coa que non tiveran parentesco, pero tiña que ser alguédn co que houbera moita confianza.
O que ía á festa a unha casa contraía o compromiso ímplicito de convidar á súa cado estivera de festa.
Á hora de dicidir que persoas da familia irían á festa a outra casa, tamén tiñan en conta as idades e o interés ou non de emparentar ou non na parroquia que se visitaba. Se tiñan interés por emparentar mandaban ós mozos e se non ían os máis vellos.

Todos estes costumes facían que nas casas se xuntaran moitas persoas, co conseguinte gasto en comida e bebida. Pouco a pouco a celebración das festas patronais foi decaíndo en beneficio doutras celebracións de carácter máis persoal: cumpleanos, aniversarios de voda, primeiras comnións, bautizos, etc.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Soían chegar á media mañán, estreando calzado e roupa ou, polo menos, ataviados cos millores traxes que tiveran; se estaban de loito non podían ir á festa.
"A partires de mediados dos anos 60, despois do Concilio Vaticano II, cando se modificaron as normas sobre o tempo que debía pasar desde a última inxesta de alimentos ata a Comunión, ofrecíaselles un tentempé, antes non, porque non se podía comulgar ata pasadas tres horas.
Ían á misa cantada coa familia que os convidara, participaban no baile da saída da misa e logo xantaban durante horas; tamén ían ó baile da noite a despois a cear á casa na que estaban convidados; logo uns marchaban durmir á súa e outros quedaban para o outro día...

No hay comentarios:

Publicar un comentario