domingo, 30 de mayo de 2010

Tabús


Ademais das supersticións ás que fixemos referencia noutra entrada, os galegos mantiñan unha serie de tabús relacionados cos alimentos.
Un dos máis destacables é a prohibición de comer carne de animais mortos, común en moitas culturas e que xa atopamos no Libro do Éxodo. Esta prohibición refírese tanto ós animais do monte coma ós da casa.
Cando un animal doméstico (vaca, porco, cabra, ovella, galiña, coello, etc.) morría por unha enfermidade, de parto por un accidente (esganarse coa corda ou sofrir un traumatismo) enterrábanse. Se a causa da morte era unha enfermidade, enterrábase con cal viva, sobre todo se se trataba de gando maior, nun lgar recóndito, percurando que nen outros animais desenterraran os restos, nen os ciganos, que andaban polas aldeas vendendo obxectos de latón, panos, etc., aproveitaban certas partes segundo os seus costumes.
Só moi ocasionalmente optaban polo incineración, pois requería un gasto moi importante de leña e tamén tiñan medo de contaminarse ou que se contaminaran outros animais co fume. Por certo, estes foron os dous sistemas empregados durante a crise das vacas tolas, de xeito que os nsos paisanos non ían desencamiñados no seu proceder.

Os animais destiñados ó consumo debían estar ben desangrados e cada animal era sacrificado dun xeito diferente, sempre cunha morte rápida, pois eran coñecedores ou polo menos intuían que, se o animal sofria, a súa carne perdía o sabor. Estas recomendacións aparecen tamén no Éxodo.
Tampouco se comía o sangue dos animais, agás nas morcillas e nas filloas de sangue.

Non se comía carne de porco que non fora capado.

Tampouco soían comer vísceras de animais ou productos elaborados con elas (sesos, fígado, riles, alegría, morcilla...) se non era na propia casa.

Dalgunhas especies consumían a femia, pero non o macho. Unha femia preñada ou mentres amamantaba ás súas crías non se sacrificaba, neste caso por razóns principalmente económicas.

Así como as supersticións tiñan un ámbito máis íntimo e non sempre os que as mantiñan eran capaces de explicar o que lles acontecería no caso de obvialas, os tabús tiñan un ámbito máis amplio e a infracción relacionábase habitualmente coa saúde.


No hay comentarios:

Publicar un comentario