Podemos atopalas:
- Relacionadas cos productos alimenticios, que productos se comen, cando se comen e como se comen; non comer laranxas pola noite, non beber auga de fontes ás que non lles dé o Sol...; non comer raia en certas épocas do ano porque dicían que menstruaba coma as mulleres; non comer polbo ou marisco non meses sen R (maio, xuño, xullo e agosto);
- Relacionadas coa combinación de diferentes productos: non se debe beber auga co polbo, nen despois de come-lo caldo, non mistura-la froita con productos lácteos, p.e.; non misturar o leite coa froita;
- Relacionadas coas persoas que comen; as máis delas refírense ás mulleres menstruantes, ás preñadas e ás recén paridas; as mulleres durante o periodo menstrual non podían comer mariscos, bacallao, polbo ou pescados azuis nen beber auga; tampouco podían ir buscar viño á adega, nen trasvasalo; nen amasa-lo pan; neste caso, as supersticións relativas á manipulación dos alimentos desapareceron hai anos, pero as relativas á súa inxestión perduraron case ata a actualidade;
- Relacionadas co conxuto de comensales; coma comer trece á mesa, por exemplo, xa comentada noutra entrada;
A noite do primeiro de novembro, celebración do samaín ou festa de Tódo
los Santos para a igrexa católica, despois de cear quitaban os pratos, vasos, coitelos, culleres, garfios e cuncas da mesa, pero non recollían os restos de pan que quedaran, nen levantaban o mantel, na creenza de que esa noite (o día 2 de novembro celébrase o día de defuntos) as ánimas dos antepasados visitaban a casa.
Non comían as primeiras froitas que daban as árbores, deixábanas para os paxaros, porque pensaban que doutro xeito a árbore non daría máis froito. Nalgúns lugares podían comelas os homes, pero non as mulleres.
Cando se derramaba viño na mesa, mollaban os dedos índice e corazón nel e facíanlle unha cruz na fronte á persoa ou persoas que tiveran perto, porque coidaban que daba boa sorte ("Caír o viño, sinal de alegría; caír o sal, malo sinal", di o refrán).
Os utensilios para comer (prato, cunca, culler...) dos que morrían a causa de enfermidades contaxiosas, coma a tuberculose ou o tifus, destruíanse, o mesmo que a roupa persoal ou do leito ou, como mínimo, fervíanse.
Moitas destas supersticións proceden da tradición cristiá, pero outras teñen unha orixe descoñecida; algunhas son recomendacións hixiénicas e preventivas e, polo tanto, teñen unha gran dose de funcionalidade, (non comer carne de animais mortos de enfermidade ou accidentes), outras somellan puramente caprichosas;
Actualmente as antigas supersticións foron desaparecendo paulatinamente, pero xurdiron outros tabús como consecuencia da crise das vacas tolas, a gripe aviar ou os parásitos que afectan a pescados e mariscos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario