lunes, 17 de mayo de 2010

O bolo da Pascoa

O bolo da Pascoa era o obsequio que os padriños de bautismo lles facían ós seus afillados antes da popularización da rosca. Era unha especie de molete, alongado e sen pirucho, de fariña de trigo e, aínda que os había de diferentes tamaños, os máis habituais pesaban aproximadamente un kilo. Tan populares eran que lle seguimos chamando "bolo" ós regalos da Pascoa, aínda que agora sexan cartos, roupa, libros...

Fragmento dos "Diarios de Mariana Canabal":
... O costume de -lo bolo estaba moi arraigado no mundo rural; lembro que o padriño de miña nai, xa moi velliño, traía tódolos anos puntualmente pola Pascoa un bolo de pan para ela e outro máis pequeno para min, aínda que non era padriño meu, nen tiña parentesco consanguíneo coa nosa familia. Non deixou de facelo ata que morreu...

Os costumes tradicionais convivían un tempo cos usos novos antes de desaparecer definitivamente:
O meu verdadeiro padriño, que era máis novo, traíame unha rosca pequena, creándome a ilusión de que estaba feita a propósito para min, e outra máis grande para o resto da familia. Co paso do tempo, a rosca seguíu chegando cada ano, pero acompañada logo dun obsequio (prenda de vestir, material escolar...)

No hay comentarios:

Publicar un comentario