lunes, 17 de mayo de 2010

O traballo da muller rural na cociña

O traballo das mulleres rurais na cociña englobaba unha longa e complexa serie de labores; algúns deles requerían habilidade, outros un considerable esforzo físico.
  1. Debía dispor o que se ía cociñar en función da época do ano, os traballos agrícolas que realizara a familia en cada momento, número de comensais e recursos cos que contara.
  2. Asegurarse de que houbera leña para face-lo lume e auga para lava-los alimentos e os utensilios, cando non aprovisionarse ela mesma deles;
  3. Recoller frescos os productos da horta: grelos, repolo, coles, pementos, tomates..., segundo a tempada;
  4. Elaborar a comida para os membros da familia, xornaleiros e convidados e para o gando miúdo, ó que se lle soía dar de comer antes de que os traballadores voltaran das leiras;
  5. Atender ós nenos máis pequenos, ós enfermos que houbera na casa e ós vellos que non se valeran, ó mesmo tempo; atender tamén ás costureiras, tecelás, carpinteiros e outros traballadores ocasionais que houbera na casa;
  6. Poñer a mesa, servir a comida e logo recoller todo e fregar os utensilios;
Así, a muller da casa, se non contaba coa axuda dunha filla en idade de colaborar nestes labores ou dunha muller de idade (nai, sogra, tía...), ás veces nen se sentaba para comer, senón que o facía ós poucos, entre labor e labor.
Nas vilas a situación non era moi diferente: moitas casas non tiñan auga, incluso en cidades como SAntiago de Compostela, a mediados dos anos 60, había barrios enteiros ós que non chegaba "a traída"; facer acopio dela era un traballo exclusivamente feminino, que lle soían encomendar ás mulleres máis novas da casa, case nenas, se non podían pagar por es servizo; ademais, a diferencia do rural onde os labores de cociñar, fregar, etc. se facían na planta baixa, nas vilas e cidades había que subila ós primeiros, segundos ou terceiros andares.
Mesmo as zoas que dispoñían de auga corrente sofrían frecuentes cortes no suministro, debido ás averías e ás obras de ampliación da rede municipal, de xeito que había que ter a precaución de facer acopio de auga suficiente para as necesidades máis urxentes.

Fragmentos dos "Diarios de Mariana Canabal":
... Polas tardes, despois de merendar, íamos buscar a auga para beber á fonte dos Capitáns, camiñando por un carreiro que seguía a vía do tren, pois a auga do río que empregabamos par o aseo persoal e para cociñar non ofrecía garantías para o seu consumo direito. Levabamos porróns, damajuanas (garrafas) e botellas de cristal, cada un segundo o peso que poidera cargar. Ían as mulleres de tódalas idades e tamén rapaces e rapazas que, por andar máis lixeiros, aproveitabamos para xogar, pillar grilos ou escarabellos ou tirarnos auga uns ós outros, mentres as nosas nais, tías ou avoas facían máis levadeiro o percorrido de case unha hora entre ida e volta murmurando das viciñas, das sogras e dos homes. Era o entretemento habitual duns e outros os días de diario...

... A auga para cocñar, fregar e asearnos íamos buscala ó río, cada un co seu caldeiro, incluso os nenos; dependendo da estatura do neno ou da nena, así era o tamaño do caldeiro; ós pequenos a meirande parte dela caíalles polo camiño ou polas escaleiras.
Nas casas a auga acumulábase en bañeiras, tinas, bidóns, caldeiros... Á caída da noite tódolos recipientes dispoñibles debían estar cheos... Cando non había un río perto, as mulleres ían ás fontes coas súas sellas na cabeza, apousadas no correspondente molido, gardando un eqilibrio que sempre me somellou imposible...
Algunhas casas tiñan pozos nos patios e así o labor era máis levadeiro, pero a auga dos pozos administrábana con cautela, porque algúns deles secaban no verán. A auga compartíase para beber, para cociñar ou para darlle ós animais, pero nn para lavar, que había que acodir ó río ou ós lavadeiros públicos. Coma todo ben escaso, era coidadosamente administrada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario