lunes, 22 de marzo de 2010

Ditos relacionados coa gastronomía (2)



  1. A dolorosa: a factura ou lista de gastos dun convite, obra ou compra extraordinaria;
  2. A ise hai que darlle de comer aparte: dise dunha persoa pouco convencional polas súas ideas ou comportamentos; soe ter un carácter despreciativo;

  3. ¿A quen lle amarga un doce?;

  4. Aguinaldo: Dádiva que se lle ofrecía ós traballadores ou colaboradores polo nadal, consistente en productos (comidas e bebidas) propios desta época: follas de bacallao, froitos secos, conservas de pescado e de froitas, sidra, viños doces..., e máis tarde cava, turróns, mazapáns e outros doces; unha análise dos aguinaldos e da súa evolución ó longo do empo permitiríanos entender moitos dos cámbeos económicos que tiveron lugar no noso país nas últimas décadas; en Galicia tamén reciben o nome de aguinaldos as cantigas que, sobre todo os rapaces e rapazas, cantaban de casa en casa con ocasióndas festas de Nadal, Aninovo e Reis;

  5. Auga chirla: caldo, sopa ou café quenon leva apuro máis ingredientes que a auga;

  6. Aunar: no tempo de Coresma, non comer entre horas;

  7. Beber a morro: beber directamente da botella;
  8. Caldeirada: comida feita con varios ingredientes cocidos e cun rustrido; en tono despectivo, comida feita de calquera maneira; gran cantidade de comida en proporción ó número de comensales;

  9. Cargarlle o carro (a alguén): servirlle comida en abondancia;

  10. Chamar á festa; convidar;

  11. Cheira que presta: ou tamén cheira que alimenta, dise dun manxar que desprende un arume tan agradable que invita a comelo;

  12. Cheirar a podrido: dise dunha situación que provoca sospeitas, que intuímos irregular ou delictic¡va.

  13. Chicha: en Galicia, carne; en Venezuela, bebida refrescante;

  14. Chuparse os dedos: emprégase para indicar que un manxar está sabroso; pola contra, "chuparse o dedo", por ser un costume infantil, indica inocencia, falta e picardía ou confianza excesiva;

  15. Coller unha talanquera: embriagarse;

  16. Comer a rancho: comer todos dunha fuente ou cazola, sen servirse cada un no seu prato; comíanse a rancho as ensaladas, os pementos de Padrón, a empanada o polbo, etc.; este costume conservaseactualmente baixo a denominación "para picar"; tamén se bebía a rancho, é dicir todos dunha mesma cunca, primeiro o pai, logo a nai e despois os fillos; nos anos 50 unha das nosas testemuñas aínda observou este costume, hoxe desaparecido, na comarca de Avión;

  17. Comer coma o porco: dise dunha persoa que se ergue tarde, xanta e vólvese a deitar por preguiceiro; tamén se di dunha persoa que non fala mentres come; é unha expresión moi pexorativa;

  18. Comer coma os señores: comer tarde; dicíase porque as familias traballadoras comían cedo, á unha e media ou ás dúas, xa que as quendas da mañá remataban á unha (construcción, industria...) ou á unha e media (comercio), mentres que os funcionarios, empregados de banca e outros profesionais saían máis tarde porque non traballaban pola mañá; tamén se empregaba a expresión para indicar que se comía sen presa e que a sobremesa era longa;

  19. Comer coma un home: dicíaselle a un neno que sabía comportarse na mesa e comía todo o que lle serviran; curiosamente, ás nenas non se lles dicía;

  20. Comer coma un porco: comer moito e sen observa-las normas de comportamento socialmete aceptadas;

  21. Comer de moca: ser convidado, non paga-la comida; vivir de moca era vivir sen traballar; tamén "polo morro" ou "pola cara";

  22. Convidar, convidado, convite;

  23. É canela fina; ou simplemente canela fina, dise dun obxecto ou mesmo dunha persoa para loubar as súas cualidades, pois non hai que esquencer o alto valor des especias, entre outras razóns, por seren productos importados;

  24. Empiparse: beber en exceso, embriagarse;
  25. Estar aínda co bocado na boca: inmediatamente despois de comer;

  26. Estar de bon pasar: ter un bo aspecto, dar a entender que se come o suficiente; tanto se aplica a homes coma a mulleres;

  27. Estar de bon ver: aplícase exclusivamente ás mulleres, ter bon aspecto, cun pouco de sobrepeso, porque ese era o modelo estético dos anos 50 e 60;

  28. Estar de "coge pan y moja": dise dun mozo moi atractivo fisicamente e insisto no de mozo porque é unha expresión que sempre lle escoitei a mulleres; o dito procede da gastronomía e do afán de molla-lo pan na prebe cando un prato está moi apetitoso;
  29. Estar en sazón: no millor momento para ser consumido; estar en tempo para casar, dise dunha muller, pero sobre todo dun home xa feito e direito con certo porvir económico;

  30. Estar peneque: ebrio, embriagado, borracho; tamén estar alegre, estar contento;

  31. Fiar: dicíase do viño que perdía o sabor ea textura co paso do tempo; os viños de baixa raduación dalgunhas comarcas apuro aguantaban ata o final da tempada;

  32. Lambetadas: chucherías, golosiñas, lambonadas, en xeral productos doces de escaso valor nutritivo; o lambón por excelencia é o gato;

  33. Máis largo que un día sen pan: dise dunha persoa moi alta ou de calquera outra cousa de máis lonxitude da esperada;

  34. Matar á fame: escatimarlle a comida, tanto a un membro da familia coma a un empregado ou subalterno; é curioso o emprego da preposición a en lugar da preposición de;

  35. Non caberlle o pan no corpo: non ser capaz de soportar unha situación equívoca e provocar unha explicación; non paciencia, non agardar por prudencia a que un conflicto se resolva por si mesmo ou co paso do tempo;

  36. Non ter ben as hulideiras: carecer de sentido do olfato temporalmente, a causa dun catarro, por exemplo, e non poder apreciar o arume da comida;

  37. Non ter con que manterse: carecer de recursos económicos;

  38. Non ter nen para pipas ou non gañar nen para pipas: estar sen cartos, gañar moi pouco; refírese ás sementes de xirasol que, tostadas e salgadas, consumíanas os rapaces e rapazas desde finais dos anos 60; unha bulsa de pipas costaba unha peseta;

  39. Nono come por nono facer: dise dunha perso perguiceira, que non quere adicar parte do seu tempo a facer a comida;

  40. O que foi cociñeiro antes que fraile ben sabe o que se coce na cociña; tamén o que foi cociñeiro antes que fraile ben sabe a como vai o peixe; é unha loa á experiencia e alerta sobre a necesidade de coñecer tódolos pormenores dunha empresa cando se teñen cárregos de responsabilidade; tamén advirte sobre un maior control e esixencia cos traballadores por parte daquelas persoas que realizaron funcións de rango inferior antes de ocupar un posto máis elevado no escalafón;

  41. O queixo pide o pan: lémbranos a sabrosa combinación destes dous productos; é equivalente ó castelán pan y queso saben a beso;
  42. ¡Ogallá lle serva de purgante!: dicíase cando unha persoa comía algo roubado ou sen comartilo con outros que se consideraban con direito a ilo;

  43. Poñerlle a boca doce;

  44. Por donde pasa, molla: dise dun viño de calidade regular;
  45. Prestarlle: sentarlle ben a comida;
  46. Purgante: xarope adquirida na farmacia ou preparado na casa que tivera fortes efectos laxantes, que producira diarrea;
  47. ¡Que che aproveite!: dicíaselle a unha persoa que estaba comendo como fórmula de cortesía, pero tamén se podía empregar esta expresión en tono despreciativo cando alguén conseguía ou se reservaba para si algo que a outra persoa consideraba que non lle perteñecía ou que, cando menos, debía compartir;

  48. ¡Que che preste!: díselle a unha persoa cando se atraganta; tamén cando se lle ofrece unha comida ou bebida; tamán se di en tono despectivo cando unha persoa acadou algo que non merecía e que nóscobizabamos e non conquerimos;

  49. Rancho: comida dos cuarteis, en xeral, comida de regular ou mala calidade, feita sen esmero para moitas persoas; rancho tamén é un porco pequeno;

  50. Recuncar: repetir, volver a servirse das mesmas viandas;
  51. Saber a mexo de burra: dicíase da cervexa;

  52. Ser bo de manter: unha persoa que come de todo e pouca cantidade;

  53. Ser malo de manter: unha persoa que rexeita unha gran variedade de productos;

  54. Ser un pistracas: comer pouco;

  55. Ter a barriga no aro do lombo: estar moi delgado;

  56. Ter aborrecido: refírese a un alimento que se detesta por telo tomado durante moito tempo seguido ou en exceso;

  57. Ter algo a punto de caramelo: telo preparado, no seu millor momento, disposto para sacarlle proveito; tamén se pode referir a unha persoa predisposta a concedernos o que desexamos dela nun intre dado;

  58. Ter cara de leite fervido: dito pexorativo; estar pálido;

  59. Ter cara de non comer quente: dise dunha persoa que está pálida ou demacrada; tamén ter carácter pexorativo.

  60. Ter unha copa de máis: ter bebido en exceso;
  61. Ultramariños: establecemento de venta ó pormenor de productos que os labregos non producían; o nome de ultramariños deriva dalgúns dos productos ofertados: especias, cacao, café, chiculate, etc., que procedían do continente americano.
  62. Xarope: preparado bebible con efectos terapéuticos; un xarope moi común que aínda se segue empregando era auga fervida con mel e limón, ó que se lle podían añadir unhas gotas de licor (coñá, güisqui...), para as dores da gorxa;

Adiviña, adiviñanza,

¿cal é o bicho

que che pica na panza?

(Solución: a fame)



Sete cuncas de papas de millo unha vella comeu;

reventoulle o cordón do xustillo de tanto que encheu;

tiña fame comeu outras tantas e máis recuncou,

fixo coma un foguete no aire, chispún, estalou.


No hay comentarios:

Publicar un comentario