Bebidas quentes:
- A cascarilla: cáscara de cacao tostada e moída. O seu consumo estaba moi extendido, tanto soa coma con leite, principalmente para o almorzo, acompañada de codelos (anacos de pan reseso), debido ó seu módico prezo en comparación co café ou co chiculate. Cascarilleira é unha persoa leda, divertida, que se expresa sen reparos; os cascarilleiros por antonomasia son os coruñeses;
- O chiculate: facíase con auga; a tableta de chiculate dunha libra (aproximadamente 500 gramos) desfacíase en pequenas láminas coa axuda dun coitelo; tomábase no almorzo, á merenda ou á cea, pero só habitualmente as familias máis acomodadas, os cregos e as mulleres recén paridas; o consumo de chiculate na actualidade extendeuse a toda a poboación e a súa presentación diversificouse (bombóns, galletas, xelado...), xa que mentres na cociña tradicional estaba exclusivamente asociado ós pratos doces, a nova cociña incorpórao ós pratos salgados;
- O té: empregábase sobre todo con fins mediciñais (dor de estómago, dixestións difíciles ou diarreas);
- O café: facíase "de pota" e había que coalo cunha manga; o café tradicional galego é lixeiro; inxeríase pola mañá, despois do xantar, á hora da merenda e en calquera outra ocasión para escorrenta-lo frío ou como símbolo de hospitalidade coas visitas; había que moelo, este labor facíano as mulleres máis vellas que xa non podían ir ás leiras ou ó monte ou tamén os nenos e, sobre todo, as nenas; as borras do café empregábanse coma un fertilizante natural, sobre todo para as árbores frutais;
- Café con gotas: cunhas pinngas de caña ou coñá; tamén chamado carajillo;
- O leite: do que xa falamos noutra entrada;
- O mate: Algún emeigrantes retornados da Arxentina trouxeron ese costume a Galicia; as expresións ¡Vai tomar mate por bombilla! ou ¡Que che den mate! teñen un carácter despectivo;
- O malta: empregábase coma sustituto do café por motivos económicos; o seu uso era case exclusivo das vilas e cidades;
- A achicoria: misturábaselle ó café para economizar;
- Auga de sal: fervíase auga e derretíaselle un pouco de graxa, engadíndolle unhas areas de sal; servíase ben quente nunha taza do caldo e botábanselle codelos de pan reseso; en moitas casas sustituía ó leite, unhas veces porque nono tiñan , outras porque non estaban acostumados a tomalo, principalmente os homes adultos; a comezos dos anos 80 coñecín ainda a moitos homes de avanzada idade nos concellos de Padrón, Pontecesures, Rois, Urdilde, Dodro e Negreira que seguían almorzando deste xeito; por certo que todos eles gozaban de boa saúde;
- A queimada: caña+mondas de limón+graos de café+zucre en abondancia; quéimase; trátase de todo un ritual para as grandes ocasións;
- O ponche: leite quente, ovo e coñá; recomendado para cura-los catarros (xa falamos deles na entrada correspondente ó consumo de ovos);
Outras infusións:
- Menta: é unha pranta que medra perto dos muros, en lugares con abondante humidade; os paisanos empregábana para coce-las castañas, para o qu tamén usaban as nébodas, e para facer infusións fervendo as follas en auga; atribuíanlle propiedades relaxantes e dixestivas, o mesmo que á herbaluisa; na actualidade o seu consumo vai en aumento ó estar comercializada industrialmente, o mesmo que o té ou a macela;
- Barba de millo: con fins diuréticos;
- Herbaluisa: empregábase como sustituto da macela; atribuíanselle propiedades dixestivas; ás veces añadíanselle unhas pingas de anís ou de caña para potenciar os seus efectos; podía tomarse quente, morna ou fría, pois, polo seu sabor agradable, servía como refresco; é un arbusto de follas alongadas e moi aromáticas, un pouco ásperas ó tacto, presente en moitas hortas galegas;
Bebidas frías:
- A limonada: era auga, en moitos casos fervida, con zume de limón e zucre en abondancia; tamén se lle atribuían efectos terapéuticos;
- O sifón: consumíase nas cidades e tamén nas tabernas, durante as épocas de máis calor para rebaixa-lo viño tinto e tamén, ¡como non?, como acompañante imprescindíbel do Vermú.
- A sidra: O seu consumo era ocasional, porque os labregos nona elaboraban a pesares de que as maceiras eran unha árbore bastante común; tomábase con motivo dalgunha celebración e, sobre todo, no Nadal, antes de que ocava se popularizara (e ainda conviveu con el por moito tempo por ser máis económica), sempre acompañada de alimentos doces ou froitos secos; a publicidade na radio dunha das marcas de sidra máis coñecidas é lembrada por moitos dos nosos informantes: "sidra El Gaitero, famosa en el mundo entero";
- O viño: mrece unha mención á parte;
- A cervexa: o seu consumo ata os anos 60 era bastante limitado e ceñíase ós obreiros da construcción e ós traballadores ó aire libre que realizaban un gran esforzo físico; as mulleres ó principio rexeitábana polo seu sabor amargo e misturánaba con gaseosa facendo o refresco que actualmente se consume en gran cantidade no verao coa denominación de "clara"); mercábase por caixas e nas cidades as camionestas de reparto pasaban diariamente ou cada dous días para servirllas directamente ás familias;
- A sangría: viño tinto con zume de laranxa e limón, zucre, canela en rama e anacos de froitas (mazás, peras, pexegos...); só se preparaba nalgunhas casas cando facía moito calor;
Os licores: Moitos deles eran de elaboración caseira
- Licor café
- Augardente de herbas
- Augardente tostada
- Licor de guindas ou cereixas
- Anís de guindas
- O anís
- Licor de toxo
- Licor de laranxa: macerábanse as mondas de laranxa en caña;
- Os viños doces, tipo Málaga, Xérez ou Oporto: eran considerados case coma remedios e ata os médicos aconsellaban tomar unha copiña de cando en vez, na creenza de que abrían o apetito, facilitaban a dixestión e aliviaban as dores mentruais, cicais por iso o seu consumo era preferentemente feminino; Sansón é unha marca comercial da que moitas persoas maiores teñen memoria;
No hay comentarios:
Publicar un comentario