Tradicionalmete consumíase en grupo, é dicir fóra da casa con ocasión de feiras, romerías (nestes casos sempre "á feira" e ó aire libre, acompañado de pan de molete e viño tinto) ou, simplemte cando se ía a unha vila próxima a realizar algunha xestión
e se comía nunha taberna ou mesón. Neste caso podía ser tamén guisado ou en empanada.
O polbo en conserva adicábase principalmente á exportación fóra de Galicia.
Recentemente apareceron outras modalidades: polbo á pedra, polbo á prancha, á vinagreta..., pero segue sendo un producto moi demandado.
O polvo máis apreciado era o da Illa de Arousa, pero, curiosamente, os pulpeiros e pulpeiras máis afamados procedían do interior (Carballiño, Ribadavia...)
Nas romerías galegas non podían falta-los pulpeiros e pulpeiras; na meirande parte dos casos, elas (as mulleres) cocíano e cortábano e eles (os homes) servíano e cobrábano; a condimentación tanto podía facela o home como a muller.
Nestas romerías, tamén chamadas
festas de campo porque a elas acudían tódolos membros da familia e levaban a comida da casa (pan de molete, chourizos, empanadas, tortillas, xamón, queixos, etc.), os mozos solteiros, que non levaban a comida da casa, soían convidar á familia da moza ou a outra familia viciña a unhas racións de polbo; a cambeo compartían o resto das viandas que as familias aportaran.
Os que máis valoraban o polbo dsde o ponto de vista social eran os vellos; xa o di a cantiga:
...Quero cantar e bailar, anque son vello, netiña;quero ir ás festas e ás romerías,comer o pulpo e outras cousas finas;beber bo viño, falar coa xentee ouvi-la gaita do señor Vicente.E véndeme os bois e véndeme as vacas...(Fragmento de "Axéitame a polainiña", tomada de Faustino Santalices)
Supersticións:Na cultura tradicional galega existen varias supersticións relacionadas co polbo. Recollemo-las seguintes:
- Co polbo non se debe beber auga; beberase viño, principalmente do Ribeiro ou Barrantes, ou, se non, leite;
- A muller non debe comer polbo durante o embarazo, en caso contrario, o neno pode nacer con manchas aviñatadas na pel, vulgarmente chamadas "antollos";
- Tampouco comerá polbo durante a menstruación ou a dieta (periodo seguinte ó parto); esta prohibición afecta ós mariscos e pescados azuis;
Curiosamente, todas estas supersticións están relacionadas coa muller. As supersticións que afectan ós homes non teñen o carácter de tles, senón máis ben de lendas que circulan entre os mariñeiros e que eles mesmos propagan falando de polbos xigantes e con tanta forza nos seus tentáculos que son capaces de arrastrar a un home desde a cuberta da embarcación ata o fondo do mar...