lunes, 15 de noviembre de 2010

Os Diarios de Mariana Canabal


"Entre os moitos recordos da miña infancia lembro que algúns Domingos, unha vez ó mes aproximadamente, na misa de tarde o crego avisaba ós feligreses para que pasaran pola casa parroquial, a unhas horas e uns días determiñados, a "buscar a ración". Isto acontecía a comezos dos anos 60 e xa desapareceran as cartillas de racionamento.
"A ración eran lotes de alimentos, en función do número de persoas que integraran a familia ou, para ser máis precisos, que viviran na casa; incluían leite en pó, aceite, arroz, fariña, zucre, pasta e conservas.
"As listas da ración elaborábanas os alcaldes de barrio, a meirande parte deles pequenos caciques locais, en función das situacións socioeconómicas das familias, tendo en conta a proporción de persoas en condicións de traballar con respecto ó conxunto familiar, así coma á extensión das terras que tivesen en propiedade e a calidade das mesmas.
"Familias numerosas, viúvas, nais solteiras, matrimonios xa de certa idade con fillos no cuartel, a existencia de discapacitados, eran algúns dos factores a ter en conta; pero as listas confeccionábanse dun xeito discrecional, de maneira que, ás veces, as circunstancias eran relegadas en favor das relacións de amizade, parentesco, etc. "Usábanse tamén de xeito caciquil, é dicir coma se se tratara dun favor prestado por aqueles que as xestionaban que os incluídos debían debían agradecer cando llo solicitaran, case sempre en forma de traballo non remunerado ou de trato social servil que axudara ós caciques a seguir exercendo do mesmo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario