domingo, 18 de julio de 2010

A matanza do porco (4)

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
Cando se mataba o porco era costume "dar a proba", é dicir regalar algúns productos da matanza ós familiares ou viciños máis achegadas, aínda que poucos días antes ou despois tamén eles mataran o seu.
Tratábase en realidade dun troco (intercambio), xa que os que recibían a dádiva quedaban obrigados a facer o mesmo. Pero tamén se lle daba a proba a algunha familia necesitada (unha ou dúas, non máis) que non ofrecerían nada a cámbeo, agás o agradecemento ou a participación dalgún membro da familia nas rogas dos donantes, aínda que eles non tiveran labranza.
Os destinatarios destas dádivas xenerosas eran conviciños: mulleres viúvas ou nais solteiras, matrimonios novos con fillos, familias numerosas sen recursos ou que tiveran algunha disgracia recentemente.
Compartían o fígado, o raxo, as morcillas, os rixóns e un pouco de manteiga, é dicir aqueles productos que se elaboraban e consumían inmediatamente despois da matanza.
No Entroido volvían compartir, nesta ocasión touciño, orella, cachucha, chourizos, ósos do lombelo...
A estas dádivas, exemplo de solidariedade veciñal, engadíanse outras destiñadas ós profesionais cos que trataba o labrego (mestres, avogados, médicos, notarios, veterinarios...), aínda que se lle pagaran os seus servizos en cartos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario