sábado, 29 de mayo de 2010

Normas de comportamento relacionadas co feito de comer

Na sociedade tradicional existían moitas normas non escritas sobre o comportamento correcto a seguir no tocantes ó feito de comer, algunhas delas aínda vixentes, outras xa desaparecidas.
Unhas eran normas de carácter individual, que se debían seguir a partires da infancia, tanto no seo familiar coma fóra del; outras de carácter colectivo, que as familias ou os grupos sociais practicaban respecto a outros.
Entre as primeiras, que lle eran inculcadas ós nenos e ás nenas principalmente e unha vez máis polas nais e as avoas podemos citar algunhas:
  1. lava-las mans antes de comer;
  2. non sentarse á mesa coa roupa de durmir, nen ser haberse peiteado antes, se é pola mañá;
  3. as nenas debían levar o pelo recollido para comer;
  4. non comezar a comer antes de que os demais estiveran servidos;
  5. non comezar a comer antes de bendeci-la mesa;
  6. non beber antes de comer;
  7. se o primeiro prato era caldo, sopa, consomé, etc., non se bebía ata telo rematado;
  8. non falar coa boca chea;
  9. empregar correctamente o coitelo, o garfio e a culler;
  10. sentarse debidamente;
  11. non servirse ata que non llo indicaran, nen escoller as millores talladas;
  12. usar debidamente a servilleta;
  13. non deixar comida no prato;
  14. non levantarse da mesa sen permiso;
  15. non servirse ou non permitir que lle sirvan máis do que se poida comer;
  16. a comida servida no prato non se podía devolver á fuente común;
  17. non comer, nen pedir de comer na nosa propia casa se había persoas de fóra e non había dabondo para convidalas;
  18. non saír da casa coa merenda para non suscita-la envexa doutros nenos que nona tiveran;
  19. non comer nen beber ás agochadas;
Nesta norma tamén se lles insistía ós vellos e ás vellas, pois algúns tiñan costume de facelo, ben para non compartir algún alimento escaso, que non se podía permitir toda a familia (chiculate, galletas e outras larpeiradas) ou que estaba reservado para algunha celebración; ben por saltarse prohibicións relativas á dieta recomendada polo médico e tamén para non comer do menú común da familia.
"En la mesa y en el juego se conoce al caballero", dicíannos desde pequenos.

Todas estas normas que se observaban na casa debían manterse, con máis rigor se cabe, nas casas de fóra, restaurantes, fondas e casas de comidas. Pero, ademais, fóra da casa había outras recomendacións a seguir:
  1. Non pedir de comer nen de beber nas casas alleas;
  2. Se nos ofrecían calquera cousa de comer ou de beber, a non ser que fora auga, debiamos dicir que non e só acetar cando se nos insistía moito;
  3. Non preguntarlle ós outros rapaces que comeron, nen tampouco dicir o que comemos nós;
No tocantes ós productos que se podían comer coas mans, estes variaban segundo as familias e as circunstancias:
  • O marisco, o pescado miúdo e a carne con óso (costela, costeletas...) ou a froita de óso era habitual comelos coas mans;
Algúns productos coma as ensaladas ou os pementos de Padrón poñíanse para "picar", para "comer a rancho" nun prato ou nuha fuente colocada no centro da mesa. Nos demais casos, non era correcto comer do prato doutra persoa, nen beber do seu vaso (a existencia de moitos casos de tuberculose napostguerra facían esta precaución moi recomendable desde o ponto de vista sanitario). Polo contra, actualmente este comportamento é símbolo de confianza, complicidade, amizade...

No hay comentarios:

Publicar un comentario