sábado, 4 de diciembre de 2010

"Estar coma o porco no cortello"

Dise cando unha persoa ten a súa liberdade limitada, por mor dunha enfermidade que lle obriga a gardar reposo ou porque agarda por alguén que non chega, e iso incomódalle; tamén se emprega metaforicamente cando unha persoa se ve impedida polas circunstancias de facer ou dicir o que lle gostaría facer ou dicir; estar impaciente; sentirse suxeito;
Similar a "non collerlle o pan no corpo".
O dito ten que ver coas dimensións reducidas dos cortellos dos porcos, que moitas veces eran uns simples cercados feitos con táboas e só coa altura precisa para que os animais non poideran saír. Estaban situados nun recuncho da corte, que ocupaba boa parte da pranta baixa da casa.
Os cercados tiñan unha porta cun tarabelo.
As porcas parideiras separábanas dos outros porcos e, mesmamente, os porcos uns dos outros para que non pelexaran. Tamén separaban as femias dos machos da mesma rolada, mentres non estiveran capados.
Rolada: tódolos porcos que unha porca ten nun parto; tódolos pitos que unha galiña chocou ó mesmo tempo.
Os porcos foron os últimos animais en "abandoar" as casas; antes fixérono as galiñas, os coellos, as cabras e as ovellas, así como as vacas.
Marica, se vas á feira,
mércame un porco rabelo,
que se mo mercas con robo
non me colle no cortello,
di a copla popular.

No hay comentarios:

Publicar un comentario