lunes, 22 de febrero de 2010

A cociña na postguerra

Os anos inmediatamente seguintes ó remate da Guerra Civil foron anos de fame, máis aínda que o periodo 1936-1939.
Nesta realidade influíron varias causas:
a) faltaban homes para traballar, os mozos seguían mobilizados, varias quintas estaban simultaneamente nos cuarteis, inclusive algúns na División Azul; outros exiliados, e os que volveran do Frente, mutilados, feridos ou moralmente derrubados, sen estaren en condicións de render ó cen por cen no traballo;
b) o campo galego non estaba practicamente mecanizado e a escasa forza de vellos, mulleres e nenos non abondaba para sacar adiante as colleitas;
c) as terras estaban esgotadas e as sementes empobrecidas pola falla de renovación;
d) o exército incautaba parte da producción para abastecerse a si mesmo e ás grandes cidades, nas que escaseaban os productos máis básicos;
"Franco, danos pan branco,
que de serrín xa nolo daba Negrín"
berraban nas rúas de Barcelona cando a cidade foi tomada polas tropas vencedoras, segundo unha das nosas informantes.
Neste contexto, as mulleres, sobre todo elas, debían buscar a maneira de darlle de comer á súa familia cos escasos productos dos que dipoñían. De aí xurde unha cociña que chamaremos "pobre" e que nos deixou angunhas receitas interesantes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario