jueves, 18 de marzo de 2010

O consumo de patacas


As patacas, procedentes de América, convertéronse nun producto básico da alimentación galega, sustituíndo ás castañas e as fariñas de trigo e centeo coas que se facían os bolos do pote. Actualmente compiten en consumo coa pasta, o arroz e as legumes coma os garabanzos, fabas, lentellas...

Tómanse cocidas, fritidas, asadas, guisadas, en puré, recheas, en ensalada, ó vapor... acompañando a calqueira clase de carne, pescado, ovos, legumbres... As máis afamadas son as de Xinzo de Limia.
As mondas fervidas dábanselle de comer ós porcos, así coma os restos de limpa-la verdura (grelos, repolo, coliflor...) e as sobras da comida, coidando de apartar calquera tipo de óso. Esta mistura recibía o nome de lavadura. Os ósos botábanse á parte e, xuntos co esterco facían de abono ou queimábanse na lareira. Nas aldeas tódolos resíduos orgánicos eran reutilizados. nas cidades había persoas que se adicaban a recollelos polas casas para os seus animais.
Nos anos 70 e 80 aínda había galiñas, porcos, coellos e pombas, para o autoconsumo, en moitas casas das cidades galegas.

As patacas tamén se empregaban para o pago en especies de certos traballos, pricipalmente agrícolas.
Como mostra de solidariedade veciñal regalábaselle ás familias máis humildes un saco delas de cando en vez.

Arroz con chícharos,
patacas novas,
repolo de Betanzos
e máis cebolas.

Para planta-las patacas os paisanos sempre se guiaron polas lúas, evitando facelo cando esta estivera na forza (lúa chea).
Había patacas de cedo e patacas de tarde. As primeiras prantábanse en decembro e recollíanse polo San Xosé (mediados de marzo); as últimas prantábanse en abril e collíanse polo Apóstolo 25 de xullo), pois a pataca require aproximadamente tres meses para o seu crecemento, de tódolos xeitos, nonas recollen ata que a rama non está tumbada e case seca.
Entre decembro e abril podían prantarse en calquera intre, sempre tendo en conta as fases lunares, pois a superstición popular dicía que as prantadas coa lúa chea saían manchadas.
Había patacas azuis, de peor calidade, e patacas brancas, as máis prezadas.

Cando se collían as patacas, labor no que participaba toda a familia, íanas deixando sobre a terra e os rapaces e rapazas íanas botando en cestos, caldeiros, capachos, separando as que estaban cortadas polo legón, as que estaban roídas dos ratos e o resto por tamaños, reservando parte das millores para a semente.
Primeiro consumíanse as cortadas, logo as roídas polos ratos e o resto almacenábase nas barras ou nos faiados (sobrados). As barras estaban nos cubertos, nas palleiras ou pallotes, pendellos ou na parte superior das cortes do gando maior. Para que as patacas non engrelaran antes de tempo debían estar nun sitio seco, escuro, pero ventilado, ó que non lle entrase luz da lúa.
Para a recollida das patacas, ó contrario do que acontecía coa sega ou coa malla, non existían rogas, é dicir, axuda veciñal, de xeito que os que tiñan moitas debía valerse de xornaleiros e xornaleiras que ían a mantido e ós que se lles pagaba con parte da colleita.

Patacas viúvas:
Simplemente cocidas con sal, cebola e, nalgúns casos, unhas follas de loureiro. Se levaban rustrido chamábanse "patacas amañadas".

Patacas asadas:
Poñíanse nas brasas da lareira, coa pel, envoltas ás veces nunha folla de col. Actualmente, nalgúns restaurantes fanas envolvéndoas en papel de aluminio e colocándoas sobre un forniño eléctrico portátil, de xeito que cada comensal pode preparalas ó seu gosto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario