lunes, 2 de agosto de 2010

Da miña bitácora



Os Diarios de Mariana Canabal

"Nas aldeas as mozas aprendían a facer de comer pouco a pouco, ollando como o facían súas nais ou súas avoas, botando unha man cando era preciso ou porque lls gostaba; pero nunha casa na que había varias mulleres novas non todas aprendían a cociñar porque a familia precisaba a súa axuda para os labores agrícolas e o coidado dos animais.
Tampouco se insistía moito na aprendizaxe cfando chegaba o momento de casar, xa que, se casaban para a súa casa, seguiría cociñando a nai ou a avoa, e se casaban para a casa do home sería a nai del a que fixera este labor.
Os paisanos valoraban máis outras habilidades nas mozas casadeiras, como o saber coser ou, polo menos, remendar a roupa de diario, por iso moitas delas antes de casar ían aprender a coser unha tempada cunha costureira, ó tempo que preparaban o enxoval.
Non acontecía o mesmo nas vilas e nas cidades nas que as mozas seguín un concienciudo proceso de aprendizaxe das artes culinarias como unha aportación máis que facer ó matrimonio.
As mozas aldeanas que servían na propia aldea nas casas dos mestres, médicos, boticarios, veterinarios, etc. ou nas vilas aprendían a cociñar ó estilo das familias á que servían, moitas delas procedentes de fóra de Galicia, e logo traladaban parte desas habilidades a súa propia familia campesiña, á vez que lle axudaban ás "súas señoras" a coñecer e aproveitar millor os productos autóctonos. Todo un intercambio cultural escasamente recoñecido, pero de gran influencia na evoluión e cambio dos hábitos alimenticios das últimas décadas...

Os nosos menús


Menú 106:
  • Ensaladiña rusa;
  • Pinchos morunos;
  • Leite fritido;
Menú 107:
  • Caldo galego;
  • Empanada de anguilas;
  • Natiñas;
Menú 108:
  • Revolto de cogumelos;
  • Xurelo ó forno;
  • Froita de tempada;
Menú 109:
  • Crema de espárragos;
  • Tortilla española;
  • Tarta de chiculate;

Os anos da fame (3)

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Lembro que a principios dos anos 60 repartían a traverso das parroquias aceite, leite en pó, pastas (fideos, macarróns, cuscús...), fariña de trigo, arroz, conservas de pescado, etc. ás familias máis modestas.
As latas de aceite, de forma e tamaño similar ás actuais para aceite de automóbiles, dun contido aproximado de 5 litros, eran de cor gris metálico e levaban o lema "entente cordiale" e debaixo un logo con dúas mans enlazadas; o resto das palabras non podía comprendelas porque estaban en inglés...

A leña

Meu neno pequeniño,
¿quen che ha de dar a teta?
Teu pai vai no muíño,
túa nai na leña seca
di a copla popular e efectivamente facer acopio de leña, tanto para cociñar coma para quentarse era un labor fundamental para a familia no que participaban homes, mulleres e ata os nenos, facendo cada un o seu papel.
Este traballo realizábase principalmente no verán, antes de que chegaran as primeiras choivas.
Recollíanse fentos para chamusca-lo porco; toxo, ademais de para estra-las cortes, para quenta-lo forno; faísca e piñas para prende-lo lume;
Os fentos apañábanse co fouciño ou coa fouce e tanto o facían os homes como as mulleres; o toxo coa fouce e era un traballo masculino; a faísca apañábase co angazo, cousa que facían sobre todo elas e as piñas soían recollelas os nenos e as nenas, cargándoas en sacos, en cestas ou cestos, segundo a idade e a forza que tiveran.

Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Na lareira o lume prendíase con mistos e faísca; ás veces deixábase un rescoldo desde a mañán; queimábase todo: piñas, candenlos, leña de pino, de carballo, cachopas, os restos de poda-las viñas ou calquera outra árbore e parte dos resíduos (teas, papeis, cartóns... Os restos das comidas empregábanse para a alimentación animal ou misturábanse co estrume para facer abono...
As cociñas de ferro requerían leña de máis calidade: piñas e hachas. Para economizar en moitas casas das aldeas, mantíñase a lareira para preparar o rancho dos animais e reservábase a bibaína para a comida familiar...

Refráns, ditos e expresións da fala popular relacionados coa leña:
  1. A lume de carozo;
  2. Botarlle leña ó lume;
  3. Facer leña da árbore caída;
  4. Ir á leña ó monte;
  5. Levar unha leña; tb. "darlle unha leña (a alguén)";
  6. Non gañar nenpara leña;
  7. Onde houbo lume sempre queda un rescoldo;
  8. Polo fume sábese onde está o lume;
  9. Xente nova e leña verde, todo é fume;

domingo, 1 de agosto de 2010

A dieta das recén paridas

A dieta duraba aproximadamente corenta días. Durante este tempo as mulleres recén paridas debían observar unha serie de normas, tanto no tocantes á alimentación , coma a outros aspectos da vida cotiá.
Estáballes prohibido:
  1. Beber auga fría, viño branco, gaseosa...
  2. Beber cervexa mentres lle daba de mamar óneno porque dicían que amargaba o leite;
  3. Comer pescado azul, polbo, bacallao e mariscos, empanada...
  4. Ensaladas...
  5. Froita, sobre todo se era de óso...
  6. Ir buscar viño á adega ou trasvasalo;
  7. Molla-las mans en auga fría e, polo tanto, lava-la roupa tanto no río coma no pilón;
  8. Molla-los pés e, en consecuencia, bañarse no mar ou no río;
  9. Rega-las prantas ou trasprantalas;
  10. Acodir á misa ou calquera outra celebración dentro da eirexa;
  11. Facer vida marital;
  12. Levar disgostos porque se lles cortaba" o leite;
  13. Regalar a roupa do bebé;
A súa dieta consistía principalmente en:
  1. Caldo de galiña e sopa de fideos ou de cuscús; o caldo de galiña nalgunhas localidades tamén debía de tomalo o home;
  2. Chiculate;
  3. Sopas e torrixas de viño tinto do Ribeiro;
  4. Viños doces, tipo Málaga ou Xerez;
  5. Gardar cama durante 9 días;
  6. Tomar leite quente se o neno ó que lle daban de mamar estaba acatarrado;
Similares tabús debían ser respetados durante a menstrución; a meirande parte deles teñen a súa orixe na tradición xudea e penetraron na nosa cultura a traverso do cristianismo.
Tamén existían tabús durante o embarazo, coma ser madriña de bautizo, por exemplo.
A dieta remataba cun acto de purificación, "entrar na eirexa", ó que acudía a nai co neno ou nena para ser bendecidos polo crego ó que debían aportar unha galiña se era neno e un par de pichóns se era nena. A partires deste momento a muller volvía a recupera-lo seu papel na vida sociocomunitaria. "Ya ha salido a misa" dicían da muller que rematara a dieta nos pobos de Castela, segundo unha das nsas informantes.

Estes tabús transmitíronse de xerazón en xerazón por vía feminina ata mediados dos anos 60, cando mulleres novas emigradas ás grandes cidades españolas ou a países europeos racharon con estes costumes, unhas por convicción e outras por necesidade, xa que tiñan que rendir no seu traballo e transmitiron ó retornar un novo xeito de afrontar un feito natural como é a materndade.

O leite (2)


Fragmento dos Diarios de Mariana Canabal:
"Nos anos 60 mandaban leite en pó á escolas para que os nenos e nenas tomaramos un vasiño á hra do recreo.
Tiñamos que levar a leña para face-lo lume nunha cociña bilbaína, xa que a escola era nova, con dúas aulas na pranta baixa, unha para os nenos e outra para as nenas, coas vivendas para os mestres enriba; vivendas que por certo non ocupaban pois o mestre tiña casa en por el e a mestra, solteira, prefería vivir cunha familia da aldea.
As rapazas maís vellas, próximas a cumprir os catorce anos, que era a idade á que sdeixaba a escola, eran as responsables de prepara-lo leite, cousa que facían bastante mal, raro era o día no que non cheirara ó chamusco e sen zucre non resultaba moi apetecible, pero inverno a sensación do vasiño de cartón quente entre as nosas manciñas é inesquencible...