Receitas das nosas avoas inscríbese no marco dunha das funcións sociais reservadas ás persoas maiores, a de conservar e transmitir saberes e habilidades propios da cultura tradicional susceptibles de perderse ou de diluírse por mor dos procesos de aculturación nos que o noso país está inmerso como consecuencia dos fenómenos globalizadores.
Estes saberes e habilidades recobran hoxe un valor que nunca deberon perder como un instrumento útil á hora de afrontar un periodo de crise que, se ben ten nas finanzas a sua faceta máis visible, afecta a tódolos aspectos da vida económica, social e cultural.
As receitas recollidas reflexan unha gran diversidade cultural: unhas correspóndense coas tradicións máis profundas, outras coa modernidade que, pouco a pouco, se foi instalando na nosa sociedade. O seu interés non é tanto gastronómico ou culinario, senón sociolóxico e cultural; tamén dietético e nutricional, no senso de que nos permite observa-la evolución dos hábitos alimenticios ó longo do tempo; sen descartar os aspectos económicos e mesmo lingüísticos.
Nos cambios inciden multitude de factores que reflexan a vida cotiá en Galicia ó longo dos últimos 60 ou 70 anos:
- a reducción do núcleo familiar, o paso da familia extensa á familia nuclear e mesmo á familia unipersoal, bastante frecuente esta no sector de persoas maiores que constitue unha parte importante da poboación do noso país;
- a incorporación da muller ó mundo laboral;
- a adicación do servicio doméstico, agora máis escaso, a labores distintos dos culinarios (coidado dos nenos e dos vellos, limpeza do fogar...);
- o envellecemento da poboación, que vai amingoar o consumo de carnes e incrementar o de pescados, froitas e verduras;
- a facilidade para mercar productos foráneos;
- a emigración, de xeito que moios dos emigrantes retornados combinan os hábitos alimenticios máis tradicionais, que eran os que imperaban cando marcharon, cos adquiridos no país de acollida; isto acontece sobre todo cos emigrados a Latinoamérica (arepas, plátano frito, chourizos criollos, churrasco...);
- a inmigración que introduce hábitos álleos á nosa tradición e incorpora ó consumo novos productos;
- unha meirande preocupación pola saúde e a valoración do binomio saúde-dieta;
- as novas alternativas á hora de preparar e conserva-los alimentos;
- os medios de comunicación, tanto con programas culinarios, mesmo coa aparición de cadeas televisivas adicadas exclusivamente a esta arte, como cos modelos sociais e culturais que nos presenta;
- a publicidade, á que son susceptibles principalmente os máis novos;
- os cambios nos hábitos de compra e a proliferación das grandes superficies;
As principais artífices dos cambios son as mulleres e a súa incidencia afecta, primeiramente ó consumo, e a longo prazo tamén á producción e ó conxunto da economía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario